Os retos deste novo mandato

La Voz

CARBALLO

28 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Rematar proxectos. «Para nós o principal é rematar moitos proxectos que temos en marcha. O PXOM é o máis próximo e, a metade de mandato máis ou menos, contamos tamén con ter o plan do casco histórico, que xa está arrincado e que tanta falta fai. Estamos tramitando coa Fegamp a xestión de espazos portuarios, que realmente non son tal, e teñen que ser urbanos», sinala o alcalde, que ten no ámbito do porto un verdadeiro reto, xa non só para o uso municipal, senón polas carencias e custes de concesións que soportan os hostaleiros.

Faro. Dentro de eses proxectos iniciado, quizais o fundamental é o de facerse coa xestión do faro. É moi difícil de entender que un dos lugares máis visitados de Galicia leve xa anos pechado e, ademais, Marcote dalle unha importancia central na súa estratexia turística e de actividade cultural, destinada a ir avanzando «paso a paso» na posta en marcha do plan estratéxico e, en último termo, loitar pola recuperación do selo de Patrimonio Europeo.

Saneamento. Pretende «aumentar a capacidade de xestión» e «anticiparse ao futuro» porque é consciente que se continúa a progresión do crecemento turístico moi pronto os van desbordar as necesidades de saneamento, sobre todo na zona rural, onde incluso cre que igual «é necesario un cambio de modelo». Pon o exemplo de Sadiñeiro, onde está en cuestión que o bombeo actual sexa a mellor opción -el considera que non-, e todo iso «a medio prazo para que non nos colla o touro».

Agroforestal. Quizais sexa a proposta máis innovadora -tamén complexa- das que ten entre mans, un plan de xestión forestal, «que xa se tentou, pero non deu o seu froito», e a revitalización rural a través da recuperación da parta agraria de Fisterra, hoxe practicamente esquecida. Considera que hai potencial desaproveitado, mesmo para a introdución de algún tipo de gandaría, pero todo iso precisa dun plan amplo que lle devolva o valor a unha terra produtiva, pero lastrada polo minifundio e a perda da tradición. Se o consegue, está convencido de que iso vai ter tamén unha repercusión moi positiva a nivel turístico, porque, evidentemente, non é o mesmo o atractivo dunha terra abandonada que o de outra chea de actividade.

Lexislar. «Temos que lexislar moito. Fainos falta aprobar moitas ordenanzas das que nestes momentos carecemos, como, por exemplo, en canto ás vivendas turísticas ou ás casas de uso turístico», explica o alcalde dunha corporación que xa vén de aprobar normas recentemente, no eido das posibilidades de acceso das mascotas ás praias.