Olga Campos: «Ter aberto Vilán é moi complicado»

TURISMO A TODA COSTA | O faro de Camariñas é o único visitable de Galicia nestes intres, xunto coa Torre de Hércules. Fala a presidenta da Asociación de Empresarios 


Carballo / la voz

A Asociación de Empresarios de Camariñas, que é unha entidade sen ánimo de lucro, mantén aberto desde hai sete anos o faro Vilán, que é o único que se pode visitar, xunto coa Torre de Hércules, en Galicia. Ademais foi o primeiro alimentado con electricidade de toda España.

-É difícil mantelo aberto?

-Ter aberto Vilán é moi complicado, pero levamos moito feito e pechalo sería perdelo. Cando o prazo da subvención remata moitas cousas se pechan se non se pode continuar porque non se sostén. Estamos agradecidos a Agader pola axuda para as obras. Con iso puidemos abrir o faro, pero sostelo é difícil porque temos moitos gastos e trabas humanas é económicas. Agora temos unha axuda da Deputación.

-Daquela teñen idea de continuar.

-Non podes con cartos particulares manter algo que é público, pero se o pechamos, a subvención pérdese. Por iso é importante que siga aberto, pero non sostido con fondos particulares, senón públicos. A cousa é que, ademais, a Administración non lle gusta o de cobrar a entrada.

-Pero iso é moi común polo mundo adiante.

-Polo menos para seguir sustentando o servizo. Sería unha pequena cantidade, algo simbólico. Son formas de pensar, pero hai que darse de conta que son cousas que teñen que ser. Ou hai fondos públicos ou hai que aportar algo, porque para nós non é gratis.

-Como son as contas?

-Nós pagamos un aluguer e temos unha cafetería e unha tenda de regalos e baños, pero non todo o mundo consume e temos que ter persoal. Abrir a porta é un gasto diario, pero estamos convencidos de facelo o mellor posible e aguantar ata onde poidamos. Non queremos que ninguén o peche ou quede para uso privado porque a nivel cultural se pode facer moitísimo.

-Como está a ser este ano en canto ás vistas?

-Moito mellor que o pasado, que foi malo en todas partes. No últimos recontos temos 2.000 visitas máis que no mesmo mes do 2018. Só podemos facer a comparación entre eles, porque desde o ano pasado pechamos tres meses, de decembro a marzo. Do 2017 cara atrás tiñamos aberto sempre, polo que no número de persoas é distinto e non se pode comparar.

-Tamén organizan O encaixe no Camiño, a chegada de Alfonso IX, o último rei de Galicia e León e como foi que as camariñás aprenderon a palillar.

-É unha actividade moi bonita e agardamos, co tempo, poñela onde se merece porque é historia de Camariñas, aínda que quedan cuestións que temos que ir concretando.

-É curioso que unha asociación de empresarios se faga cargo destas cousas...

-O noso interese non é só económico, aínda que sexamos empresarios. Temos moita preocupación por dar a coñecer a historia de Camariñas e a orixe do encaixe, que é complicado de atopar, pero temos unhas persoas buscando, indagando. Poderiamos facer moito máis se a Administración botara unha man, porque sós é moi difícil sacar adiante o proxecto. Nós, como asociación de empresarios, temos que demostrar o dobre.

-Dá a sensación de que vostedes enchen ocos.

-Somos empresarios de tódolos sectores e entre todos imos vendo e falando do que pode ser interesante. Se vemos que non se está a facer algo intentamos porque non todos chegamos a todo, pero os nosos estatutos permiten moitas cousas.

-Parece que todo está relacionado coa promoción do turismo no municipio, que xunto coa pesca é a principal fonte de ingresos en Camariñas.

-Ao turismo teriamos que dedicarnos máis, porque a pesca tivo un gran momento, pero agora está a fallar e nós temos moitos recursos, desde o faro ata as praias, pero todo é importante conservalo. Temos natureza e gastronomía tamén, pero é moi importante explotalos con moito coidado para non perder a nosa esencia,

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Tags
Comentarios

Olga Campos: «Ter aberto Vilán é moi complicado»