A Fundación Eduardo Pondal recibiu o premio Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

O presidente do Goberno galego afirmou que a entidade pontecesá «ensínanos o enorme potencial do patrimonio material e inmaterial de Galicia»

22 jun 2019 . Actualizado a las 00:07 h.

A Fundación Eduardo Pondal recibiu de mans do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, o premio Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural. Foi unha xornada agridoce para entidade pontecesá, porque tamén vén de perder a un dos seus tradicionais colaboradores, Jaime Valdés Parga, o herdeiro do legado do autor do himno galego.

O presidente do Goberno galego afirmou que a fundación pontecesá «ensínanos o enorme potencial do patrimonio material e inmaterial de Galicia». Acudiron a recoller o premio o presidente da Fundación e alcalde, Lois García Carballido, e tamén o xerente, Xosé María Varela. Foron acompañados por un nutrido grupo de veciños, que aproveitaron a ocasión para desenvolver un amplo periplo cultural.

Esta foi a décima edición dos premios Agader, polos que se concederon oito distincións entre as 80 propostas. A da entidade pondaliana foi recoñecida no apartado de proxectos culturais e recuperación patrimonial no rural. Todas estas propostas indican, segundo Feijoo, que «quedarse no rural pode ser unha oportunidade» para persoas máis preparadas ca nunca.