Ramón Carreira: «Agora moitos dos que se xubilan en Suíza xa viven nos dous sitios»

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

A sociedade Sementeira, en Basilea.  é unha das que teñen máis vitalidade e socios de todo o país

21 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A Sociedade Sementeira, fundada en 1981 en Basilea, é seguramente a máis viva e con máis socios activos (ao día no pago) de cantas galegas hai en Suíza. Forma parte da historia de miles de emigrantes que pasaron pola cidade e o cantón, coa diferenza de que, malia as cambios sociais e laborais, resiste con moita forza. Esta mesma fin de semana teñen tres días de actividades para celebrar o San Xoán, incluída a presentación dun libro de retratos de emigrantes, obra de Manuel Álvarez, con textos de Manuel Rivas.

O presidente é Ramón Carreira Collazo, xa xubilado, que leva case 30 dos seus 66 anos no cargo. El vive en Basilea dende 1977, aínda que antes xa estivera en Xenebra e Lausana. É de Carballo, igual ca moitos socios, e tamén do resto de Bergantiños, pero como explica, hainos tamén de Barbanza e das catro provincias en xeral.

-Que lembra dos inicios de Sementeira?

-Empezaban os anos oitenta. Bautista Pose, de Muxía, foi o primeiro presidente. José Antonio López, de Lugo, o secretario. Eles tiveron a idea de fundar a sociedade, e xuntouse bastante xente. Creo que dende o primeiro momento fomos algo distintos do resto.

-Por que?

-Ao igual que A Nosa Galiza [Xenebra, 1967: a primeira de Suíza e de Europa], xurdimos no entorno dso ser galeguista. A lingua oficial é a galega, promocionamos a cultura galega... Levamos 38 anos seguidos organizando o Día das Letras, sen interrupción. Co grupo Semente levamos 35 anos, por aí pasaron centos de rapaces e rapazas. Temos un grupo de música moi bo, que leva un de Ordes. Aí xa está a xente da segunda xeración. O San Xoán para nós é un día de Galicia.

-E politicamente?

-Politicamente, Sementeira é moi plural. Por aquí pasaron todos: Fraga, Beiras, Camilo Nogueira, Touriño... Nunca tivemos ningún conflito pola política. Hai liberdade de expresión, e iso respéctase. En ningunha asemblea tivemos ningún problema por iso. Esa é a gran forza que temos, algo básico para a nosa forza. Nos estatutos xa pon que somos unha entidade independente.

-Como andan de socios? Os números caeron moitísimo noutras entidades nos últimos anos.

-Temos 80 familias socias. Iso pode multiplicarse por dous membros en cada unha, por tres... A maiores, uns 35 individuais. Andamos cerca das 300 persoas, así que somos das máis numerosas de Suíza. E todos ao corrente de pago. Temos socios de todas parte, aínda que a presenza de Bergantiños é moi importante. Pero Sementeira é, sobre todo, unha sociedade galega.

-E con moitas actividades.

-Levamos no mesmo local máis de 30 anos. Temos dende un coro de pensionistas, ata unha banda de gaitas, baile, teatro... Participan rapaces dende 6 ou 8 anos. Só, hai moita actividade.

-Segue chegando xente?

-Os tempos de agora son distintos, claro. Da construción aínda veñen, é un sector que medra, hai moitas obras importantes. Pero tamén hai outros perfís, como investigadores para o sector químico, tamén galegos. Non é o de antes. Os temporeiros teñen menos dereitos. Pero ese é un problema global. Aínda así, aquí o paro é do 3 %.

-E marcha?

-Iso tamén cambiou, porque xa hai tempo que non marcha. Non é como antes. Agora moitos dos que se xubilan en Suíza xa viven nos dous sitios, aquí e en Galicia. Antes practicamente tiñas a obriga legal de retornar, pero cambiou o marco legal das pensións. E hai moita xente reacia a marchar, e queda. Hai excepcións, claro, e eu falo do entorno que conozo, onde é así. A xente non quere separarse dos fillos e dos netos. Antes tampouco querían, pero case non lle quedaba outra. Xa se separaron unha vez dos seus, cando marcharon de Galicia, e non queren volver a facelo. O tema de que haxa billetes de avión baratos tamén axuda. O tema económico é a clave. E como teñen tamén casa aló...

-Moitas protestas houbo polos impostos.

-Xa sei, si. Os emigrantes somos un gran negocio para o país. Pagamos igual aínda que non esteamos, e non pedimos nada.