«O obxectivo será gañar ou ascender, ou ámbalas cousas»

O técnico do Bergantiños, Miguel FIgueira, unha vez garantida a súa continuidade, xa pensa na próxima tempada


Carballo / La Voz

O adestrador do Bergantiños, Miguel Figueira, comentou o pasado luns, tras quedar eliminados contra o Villarubia da fase de ascenso a Segunda B, que non tiña clara a súa continuidade no club. Pola súa parte, o presidente da entidade vermella, Luciano Calvo, sinalou que agora tocaba descansar un pouco. Porén, este martes, contra todo prognóstico, o Bergantiños anunciou a súa renovación. O míster, que cumprirá a súa cuarta tempada consecutiva á fronte do equipo carballés e, tamén, en Terceira División, deu as primeiras declaracións ó respecto para os micrófonos de Radio Voz Bergantiños.

-¿Como se atopa?

-Moi contento. Importábame moito o que pensaba a directiva e os xogadores e non foi moi difícil. A miña familia está encantada de que siga no Bergantiños e eu encantado tamén de continuar aquí.

-Vostede mesmo tiña as súas dúbidas ó respecto, pero, o certo é que a tempada foi moi boa, ademais das dúas anteriores, claro.

-Cada un é libre de facer a valoración que queira. Haberá os pesimistas e os negativos que dirán que levamos tres play-offs e non ascendemos, pero hai que saber de onde vimos e cara onde queremos ir. Penso que a tempada foi moi boa co subcampionato de liga e coa clasificación para a disputa da fase de ascenso, ademais de gañar a Copa Federación [na súa fase autonómica], de pasear o nome de Carballo por toda España e, sobre todo, de meternos na Copa do Rei.

-Por canto tempo seguirá sentado no banquiño?

-Imos ano a ano. Nin sequera falamos diso. Hai bastante confianza entre nós para iso. A parte, creo que é ben que se faga así. Hai que traballar e gañarse a renovación ano a ano.

-Foi elixido, ademais, como mellor técnico de Terceira División, por segunda vez. Que significa esta condecoración para vostede?

-Considero que é un premio ao club, ao traballo dos xogadores e aos meus axudantes. Non creo nos premios individuais porque case sempre van ligados ós resultados. Ademais, na Terceira hai adestradores moi válidos e tómoo como un premio ao traballo e á constancia destes anos. De todas formas, estou moi agradecido de que se acordasen de min.

-Aínda é pronto para falar da vindeira campaña, pero que obxectivos se marca?

-Xa estamos traballando na confección da plantilla. Son quince días dun traballo escuro, ingrato e moi intenso, de mañá, tarde e noite. Primeiro imos falar cos xogadores que están e, logo, intentar confeccionar, se cabe, unha plantilla máis competitiva e mellor que a desta tempada. Partimos da base de mellorar o deste ano. Unha vez lista a plantilla que sexamos capaces de formar, veremos onde nos pon a realidade. Pero a idea é seguir medrando tanto por parte do club como do adestrador.

-Aspira moi alto, entón.

-Totalmente. O obxectivo será gañar a liga ou ascender, ou ámbalas dúas cousas. Pero o Fabril e o Rápido de Bouzas descenden, o Lugo B é un ano máis experimentado e fixo unha segunda volta espectacular polo que o considero un equipazo, e tamén están os ourenses, o Compostela... Será, de novo, unha Terceira moi competida e moi bonita de ver, na que o Bergantiños esperemos que sexa protagonista.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«O obxectivo será gañar ou ascender, ou ámbalas cousas»