Trinta anos da presentación da «Historia do CD Baio e da Liga da Costa»

Un artigo en lembranza desta publicación, o primeiro libro galego das historias dos clubs de fútbol Houbo que esperar anos por outros libros en galego sobre este tema


Carballo / La Voz

O pasado mes de abril fixéronse trinta anos da presentación do libro Historia do C.D. Baio e da Liga da Costa, que elaboramos contando coa valiosa axuda de hemeroteca do baiés Alfonso Villar. A presentación fora no auditorio de Zas o 15 de abril de 1989, pois o libro subvencionárao o Concello de Zas (era alcalde Ramón Lois) cunha axuda da Subdirección Xeral do Libro da Xunta (da que era responsable Xavier Senín).

No acto estiveron presentes moitos futbolistas, directivos e xornalistas, en especial Emilio Amado, de El Ideal Gallego, e José M. Ferreiro, de La Voz de Galicia, os que máis se ocuparían da Liga da Costa ao longo da súa historia. Editáronse 2.000 exemplares, que se esgotaron en poucos anos.

Nesta obra de 310 páxinas narrábase a historia non só do club en cuestión, senón dos primeiros 25 anos da xa mítica Liga da Costa, con simpáticas anécdotas recollidas por vía oral. A súa aparición tivera moita repercusión non só na prensa escrita (La Voz en particular), senón tamén na radio e na televisión (Panorama de Galicia da TVE-G e Vivir aquí e Arestora da TVG). Moitos descoñecen que chegou a ser finalista, en 1990, dos Premios da Crítica Galicia do Círculo Ourensán-Vigués, na categoría de Investigación (crebade as liras, poetas!).

Coa perspectiva que nos dá o tempo comprobamos que este libro fora o segundo que se publicara en Galicia sobre a historia dun club de fútbol (o ano anterior saíra o Real Club Deportivo de La Coruña. 82 años de historia, de P. de Llano e P. Muíños) e o primeiro en lingua galega, o que lle outorga a categoría de libro pioneiro na normalización da lingua galega neste deporte. Houbo que esperar anos a que aparecesen outros libros en galego sobre o tema, coma o de Xesús Flores e Xosé Mejuto en 1993 (Historia do Deportivo). Non sei se influenciados ou non polo noso, pero o certo é que foi no ámbito da Costa da Morte onde máis libros se publicaron en anos sucesivos sobre equipos modestos: desde o de Xan Fraga sobre os 75 anos del Bergantiños (1998) ao Mar de paixón. O fútbol na Costa da Morte (2013, de Héctor Pose e Luís Porto), pasando polos de R. Güeto do Noia (2001), U. C. Cee (40 aniversario), de J. M. Ferreiro (2005), o de M. Torre sobre a S. C .R. Esteirana (2006) e o dos citados H. Pose e L. Porto sobre os 40 anos do Malpica (2010).

Onde si é seguro que influíu foi nas dúas historias xerais que sobre o fútbol galego se publicarían anos despois, pois nelas a Liga da Costa contou cun tratamento especial. Anxo Varela en Historia do fútbol galego (1997) dedicoulle o cap. 5 (15 páxinas) á Lenda futbolística da Costa. Carlos Freire en Todo sobre o fútbol galego (2012) a única liga de modestos que inclúe é a da Costa (páx. 102), situándoa entre a Liga española e a Liga de Campións.

Como colofón, é ben sabido que en 2015 Xosé M.ª Rei Lema e quen subscribe publicamos 50 anos da historia do fútbol da Costa, unha obra enciclopédica -así a cualificou o xornalista J. M. Ferreiro- de 606 páxinas.

Actualmente aínda continúa aberta ao público na Cidade da Cultura de Santiago a exposición «Valor e mestría. Galicia como fútbol». Non nego que é unha boa exposición, pero está dedicada aos grandes, aos famosos, ao fútbol galego profesional, e ignorouse por completo o dos humildes, o dos equipos modestos galegos que domingo a domingo dan diversión a moita xente de pequenas vilas, aldeas e barrios de toda Galicia, de Ribadeo á Guarda e da Mezquita a Fisterra.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

Trinta anos da presentación da «Historia do CD Baio e da Liga da Costa»