Ramón Vilar: «Son moi inseguro co que escribo»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Pablo Quinteiro

«Un peixe no parqué», o segundo libro do escritor cercedense, aterra mañá nas librarías

12 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Aos corenta viñeron Os televisores estrábicos e, agora, cinco anos máis tarde, volve o cercedense Ramón Vilar Landeira (1973) con Un peixe no parqué. Licenciado en filoloxía e xornalista, Vilar é un deses autores dos que cociñan os libros a pouco lume, para que non se queimen. «Non teño unha necesidade vital por publicar», di; mais cando o fai non deixa a ninguén indiferente.

-Comecemos polo título, que xa de por si é ben orixinal.

-Pois ten que ver cunha das partes do libro, e está relacionado cun peixe que acaba caendo dun acuario ao parqué dun piso. Esa cuestión, que pode parecer tan trivial ao principio, acaba deixando ver un problema moito maior. De todos modos, creo que ten bastante que ver co resto do libro, así mesmo.

-Un libro que articulou en torno a varias historias ou relatos.

-Iso é algo que terá que xulgar o lector, en realidade. A pouca xente que xa o leu -achegados e persoas da editora- debátense entre se é unha novela curta ou un libro de relatos. Eu creo que se pode ler dun xeito e do outro, pero si que é certo que todos teñen que ver entre si.

-Hai ficción, realidade ou ambas?

-Un pouquiño de todo. Son historias que teñen unha base real, pero que están peneiradas pola ficción. Ás veces non teño moi claro o que é ficción e o que é realidade [ri], é como a vida mesma, na que cada un temos unha visión diferente da realidade.

-Todo depende da óptica coa que se observe.

-Exacto. No primeiro libro pasoume que había xente que ubicaba algúns dos relatos en vivencias persoais miñas. Evidentemente, cando escribes ficción apegada á realidade é imposible non coller parte das túas experiencias. Non só as que ti mesmo viviches, senón as que sabes que outros viviron.

Aí está ese punto tan difuso entre o que sucede e o que ti lembras do que sucedeu: como cando nos xuntamos un grupo de amigos de cando saiamos por aí e cada un conta a súa propia versión do que pasou unha noite; pouco se parecen entre si.

-É cuestión de días que «Un peixe no parqué» estea nas librarías.

-Mañá mesmo! Mañá debería estar xa en todas as librarías e, nas que non estea, sería cuestión de pedilo ás distribuidoras. Nese sentido, Xerais non falla.

-Un bo paraugas para publicar.

-Non son tempos sinxelos para publicar, pero tiven a sorte de que xa dende esa primeira vez apostaron por min, cando eu nunca antes publicara nada.

-Xa levaba un tempo sen lanzar nada en solitario: dende o 2014.

-Son unha persoa de moito escribir, pero non de moito publicar. Dende sempre fun bastante inseguro co que escribo: pese a ter xa unha certa idade e de ter gañado algún premio, sempre me parecía que as cousas non estaban ben de todo. Foi unha das razóns polas que publiquei por primeira vez con certa idade, pois tiña xa 40 anos cumpridos. Agora, para o segundo, foron cinco anos de espera: a algúns pode parecerlles moito, pero cada proceso ten os seus tempos. Tampouco teño esa necesidade vital de publicar [ri] e fixen outras cousas entre tanto: familia, amigos, moito traballo e colaboracións na prensa... Non estiven parado.

-Afirmou sentirse sorprendido pola acollida de «Os televisores estrábicos». Que agarda deste?

-O segundo libro é como o segundo fillo: tómalo con algo máis de distancia e pensas «xa irá saíndo adiante por el mesmo». Si é certo que o primeiro tivo unha acollida entre o público e, sobre todo, entre a crítica, que me abrumou. Eu lanzo este segundo coa intención de facelo o mellor posible, pero será o lector e a crítica quen teña a última palabra.

-Planea algunha presentación?

-Si, aínda que nos gustaría deixarlle algo de percorrido ao libro. Despois, evidentemente faremos algunha presentación na comarca de Bergantiños (en Carballo, seguro), en Ordes, Cerceda, as cidades... Da outra vez foran dez ou doce, quizais desta banda sexan por aí. Pero con relaxación, ata xullo seguramente non haxa nada: que o ruído das presentacións non apague ao propio libro.

-Hai un tempo dicía que lle gustaría escribir sobre a corrupción en Galicia. Como vai con iso?

-[Ri] Esa era unha intención que tiña moi clara daquela, e neste libro hai unha parte tamén na que figura a corrupción, porque é inherente ao ser humano. Pero ese libro que daquela tiña tan claro, non é este! [ri].