Un amor de película

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

03 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Gústame moito o teatro clásico, o grecolatino sobre todo. A gradilocuencia dunha comedia de Plauto ben representada. Sen ser menos importante, gozo tamén do teatro galego actual, de compañías como Talía e autores como Pisón ou Cándido Pazó. O ano pasado sorprendeume moito a obra Elisa e Marcela, da Panadería. Unha peza con tres marabillosas e versátiles actrices: Ailén, Areta e Noelia. Mulleres activas na cultura galega e comprometidas coa representación.

Foron uns actos inesquecibles polo innovador da peza, onde o principal decorado son as voces, as onomatopeias e un mecanismo ancestral: a imaxinación.

Tamén considero que repercute moito a historia. Acábaa de levar Isabel Coixet á gran pantalla, cun gusto exquisito, segundo as primeiras críticas. E non me estraña. É a historia do amor sen cancelas, dos imposibles, da identidade de xénero e a tolerancia. A Costa da Morte foi escenario da convivencia do primeiro matrimonio homosexual en España. Elisa e Marcela, dúas mulleres que se amaban profundamente a principios do século XX. Mulleres que se agocharon baixo unha identidade falsa ata que foron descubertas. Exiliadas polo escarnio da época, fuxiron ás Américas. O demais son cábalas sobre o seu porvir. Gústame pensar que encontraron bo porto. Os finais felices son moi halagadores. Pensar no meu maxín que ninguén lle cortou as ás en Bos Aires, posible destino da súa fuxida. Abofé que hai moitas historias galegas proclives de levar ao panorama cinematográfico internacional. Non me estrañan as muiñeiras en Cannes, abráiame a demostración pública do amor á terra. Gústame pensar que nin o amor nin as historias teñen principio nin final.