«Se hai un mundo que me fascina, é o dos soños»

Carballés de adopción, Fernando Calvo vén de presentar con grande éxito a obra infantil «O vello dos chupetes»


Carballo / La Voz

Xa ten algún que outro traballo feito, mais Fernando Calvo Trincado é un autor novel en canto ao mundo da publicación. Vén de presentar no Casino carballés, cunha grandísima acollida e numerosos exemplares firmados, a súa obra «O vello dos chupetes» (Editorial Círculo Rojo), un libro encadrado na literatura infantil. Monitor de natación, diplomado en Maxisterio, guionista e monologuista, o autor é de orixe coristanqués, mais carballés de adopción. Pasou días atrás por Radio Voz. «O vello dos chupetes» mereceu moi boa crítica por parte de Belén Edreira, colaboradora da emisora e recente integrante do xurado do concurso Contos de Primavera de La Voz.

-Sorprende no seu entorno esta súa afición pola escrita, esta publicación na área infantil?

-Os amigos, a estas idades, xa non lles sorprende nada [ri], mais o primeiro sorprendido eu, porque o que estaba escribindo antes non tiña nada que ver. Quixen moverme no tema dos nenos, porque se hai un mundo que me fascina é o dos soños. Aí eu teño sido un xigante, teño voado a outros mundos, teño feito de todo. Pero a diferenza dos nenos, os adultos só soñamos pola noite, mentres que eles fano durante todo o día. Levo moito tempo traballando con pequenos e sorpréndeme a súa capacidade para centrar toda a súa atención nunha boa historia. Abstráense totalmente, en décimas de segundo, da realidade. A obra conta o soño dun vello, que pode ser o dun neno ou nena calquera, e por iso penso que vai dirixido a eles.

-Ten algo que ver o ser pai dun neno de catro anos e ter unha nena en camiño, non?

-Si, aínda que o da nena foi despois, aínda non o tiña en mente. El ten moita da «culpa» deste conto, porque de pequeno, cando naciu, era un fanático dos chupetes. Durmía con un na boca e con outros dous máis, un en cada man. Víao durmindo, nese mundo tan idílico, e pensaba eu en como quitarllos. Tereille que contar un conto, dixen. E aí me puxen.

-Tiña tantas ganas de sacalo á luz que decidiu non esperar por unha editorial, senón autopublicar.

-É certo, pero tamén o é que toquei varias editoriais. O trato sempre foi moi cercano e algunhas dicíanme que si, que lles interesaba a obra, pero tamén falaban de modificacións, prazos... Así que, por así dicilo, quixen publicar dun xeito que a obra fose «un pouquiño máis túa», respectándoa: un conto de aventuras, sen máis pretensións.

-En galego e incluíndo un paseo no libro por esta zona.

-Máis cercano non podía ser, non. De feito, remata cun paseo polo Anllóns e na aldea de Ramil, Sísamo. Cando tiña a historia na cabeza, tiña tamén claro que habería dous principais protagonistas: Galicia e o galego.

-Como xorde a colaboración con César Suárez, ilustrador, e tamén coristanqués?

-Precisaba uns debuxos que guiaran algo aos nenos, fun buscar un artista e atopeino xustamente ao lado da casa. Fixo un traballo, para o meu gusto, excelente.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

«Se hai un mundo que me fascina, é o dos soños»