Borja Facal: «Quero ter a ocasión de ver ó Bergantiños en Segunda B»

«Para min, disputar este terceiro ?play-off? co club é unha ilusión tremenda porque son canteirán», di o capitán e lateral dereito do equipo carballés


Carballo / La Voz

O Bergantiños, subcampión do grupo galego de Terceira División, ten por diante hoxe un labor moi importante: dar o primeiro paso de cara o ascenso a Segunda B. Xogará a ida da primeira eliminatoria do play-off no campo ovetense Álvarez Rabanal, ás 12.00 horas, ante o Covadonga, cuarto clasificado do grupo 2. O equipo (plantel, corpo técnico e directiva) xa partiu onte, a primeira hora da tarde, cara Asturias. O capitán, Borja Facal Lema (Laxe, 1985), que leva sete tempadas (as cinco últimas consecutivas) defendendo a camisola vermella, e que afrontará a súa oitava fase de ascenso (a terceira de forma continuada co Bergantiños), falou polo camiño de sentimentos e aspiracións.

-Como se atopa o equipo fronte ó partido máis importante da tempada?

-A verdade é que ben, moi ilusionado. Somos conscientes de que está a tempada en xogo. Tratamos de chegar nas mellores circunstancias e con moitas ganas, de modo que é un momento de enorme felicidade, no que queremos demostrar que o equipo está capacitado para subir a Segunda B.

-Como capitán, cal é o seu consello?

-É importante revivir as sensacións que tivemos nas anteriores eliminatorias. Saber, sobre todo, o importante que é facer algún gol fóra da casa, pois dáche una base importante de cara ó partido da volta. Tamén, non tratar de cometer erros, mostrarnos sólidos e non cometer accións que nos poidan penalizar. En definitiva, nos play-offs, o marxe é mínimo e tes que saír moi seguro.

-O Bergantiños leva tres fases de ascenso consecutivas, pero esta, é verdadeiramente especial, non? Hai ganas de conseguir o obxectivo, por fin.

-Totalmente. O primeiro ano, xogar o play-off contra o Badajoz foi como un premio, pois lográmonos meter na cuarta praza nas últimas xornadas. A partir de aí, o equipo foise constituíndo para ser un serio candidato á fase de ascenso. O ano pasado, había un proxecto importante. E este, definitivamente, armouse un equipo cunha clara intención de disputarlle o campionato ó Ferrol e ó Compos, e de preparar un play-off con garantías. Somos conscientes de que o obxectivo está moi claro.

-Que significa para vostede, que é dos xogadores que máis anos leva neste club?

-Para min é unha ilusión tremenda porque son canteirán, vexo o esforzo da xente, vexo a felicidade do afeccionado e vexo ós cativos da base que están sempre preguntándonos se algunha vez poderán ver ao equipo en Segunda B. Por todo isto, quero poder ter a oportunidade de ver ó Bergantiños en Segunda B, de demostrar o noso potencial a toda a nosa comarca e de traer para aquí un fútbol semiprofesional.

-En canto ao rival, está contento co que lles tocou, prefería outro ou considera que iso tanto dá?

-Realmente, creo que é importante, a priori, que nos cruces nos toquen rivais que non poidan ter a potencialidade nin a fortaleza doutros grupos, pero, aínda así, creo que lle temos que ter un respecto a todos. Sen ir máis lonxe, a campaña pasada sufrimos a eliminación contra un rival que, a priori, era alcanzable [o Cirbonero, un quinto clasificado]. A experiencia dinos que calquera rival que se clasifica pode ter armas para poder complicarche as cousas e, nese sentido, imos moi mentalizados, sabendo que temos que respectar, levar a nosa mellor versión e esperar que nos poidamos impoñer.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Borja Facal: «Quero ter a ocasión de ver ó Bergantiños en Segunda B»