Sandra Ínsua: «Estamos atentos a cada cousa que lle pase aos cidadáns»

f. rodríguez / s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCIA

26M: As municipais | Asegura a actual rexedora de Camariñas que o seu é o «goberno das persoas». A candidata socialista quere sacar adiante o centro de día e dous paseos

23 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Sandra Insua Rial é filla de emigrantes de Cereixo e Suxo. Naceu en Laufen (cantón suízo de Basilea Campiña) hai 43 anos. Dende os 14 residiu na Ponte do Porto. É licenciada en Dereito e traballou como procuradora. Foi por primeira vez nunha lista con Bautista Santos en 1999, e é concelleira dende o 2003. A súa foi a primeira dedicación exclusiva, a maiores da do alcalde, que houbo no Concello. Tras a renuncia de Manuel Valeriano Alonso, ocupa o posto de rexedora dende agosto do ano pasado. É, por tanto, candidata por primeira vez.

-Como leva iso de ser cabeza de lista por primeira vez?

-É unha responsabilidade grande. Agora xa o teño bastante asumido, pero é verdade que non se trata de ser cabeza de lista dun partido calquera, senón do PSOE, que levamos 36 anos gobernando, e teño a responsabilidade de seguir, a ver se chegamos aos 40.

-Como lle están resultando estes últimos días de campaña?

-Algo cansados. Vou por todas as casas do concello. Estiven por Camelle, A Ponte do Porto e Xaviña a principios da semana e agora estou en Camariñas. Coñéceme case todo Camariñas, xa levo bastante tempo, son 16 anos de tenente de alcalde, e polo meu despacho, nun momento ou noutro, pasou moita xente. Coñécenme máis do que eu pensaba.

-Como describe estes últimos catro anos de mandato en canto á política municipal?

-Foron catro anos complicados, estivemos sempre cunha machada en riba da cabeza pola sentenza de Pichurri [Manuel Valeriano Alonso, o seu antecesor]. Saíra a primeira e logo case un ano con ese problema. Condicionounos bastante. Quería saír para adiante. Criamos que o fallo ía vir noutro sentido, e despois estivemos bastante condicionados. Pavimentamos unha morea de rúas. Pichurri entregábase todos os días coas persoas. Fomos sobre todo o goberno das persoas. Estamos atentos a cada cousiña pequena que lle pase aos cidadáns, alí estamos todos os días. O noso é o día a día da xente.

-Que destaca do programa electoral do PSOE?

-Sobre todo o centro de día, que apalabrou o presidente da Deputación o día da presentación. E despois os dous paseos marítimos, tanto o de Area da Vila como o da Xunqueira da Ponte do Porto. Os dous dependen de Costas do Estado, e co novo Goberno de Pedro Sánchez penso que será unha realidade nos vindeiros catro anos. En canto á parroquia de Camelle e Arou, intentaremos facer un polideportivo cuberto en Camelle, porque é un sitio no que responden moi ben tanto ás actividades culturais como ás deportivas, e en Arou apostamos por unha área recreativa e unha zona de aparcamento para a praia. En Xaviña intentarei facer o saneamento. Demandarémolo á Xunta, pero imaxino que nada de nada outra vez, así que iremos por tramos. O primeiro, da zona baixa de Tasaraño ata a depuradora de Dor.

-Houbo moita renovación na súa lista.

-Houbo. A maiores de min, só dúas persoas máis seguen entre os primeiros postos. Cada un ten e fai o seu equipo, sempre é así. Os que van son moi traballadores, moi boa xente, e tamén moi bos amigos.

A favor / en contra

  • Cadea perpetua revisable: En contra
  • Aborto: A favor
  • Investigados nas listas: Investigados, si. Presunción de inocencia.
  • Traslado de restos de Franco: Polo ben de xente con vítimas é bo que os movan
  • Referendo Cataluña: Si
  • Acollida refuxiados: Si
  • Eutanasia: Si
  • Cambios lei violencia xénero: Para ser máis dura
  • Prohibición fumar praias e piscinas: Non, non tanto. Locais públicos, bares...
  • Casco urbano a 30 km/h: Por zonas de parques infantís, si

Preferencias

  • A que hora se ergue?: 8.30, 8.45
  • Que almorza?: Colacao con galletas
  • Prato preferido: Cigalas
  • Que non comería?: Caracois
  • Bebida preferida: Coca-cola zero
  • Equipo de fútbol: Porteño e Dépor
  • Que coche ten?: Peugeot 2008
  • Unha afección: Pasear por Camariñas, pola Ponte...
  • Un lugar: A Ponte do Porto
  • Que tarefas de fogar realiza?: Case todas. Cociñar non

Artes e letras

  • Escritor favorito: García Márquez
  • Último libro que leu: Manual de resistencia, de Pedro Sánchez
  • Última película que viu: Mary Poppins, cos fillos
  • Un artista: Carlos, de Cuéntame
  • Un actor: O anterior, Ricardo Gómez
  • Unha actriz: Ana Duato
  • Un cantante: Luz Casal
  • Tipo de música: Moi española
  • Deporte que practica: Nada. Andar.
  • Unha viaxe pendente: Por España sempre en coche, non avión