Iago Toba: «Félix é un referente político, e tamén un amigo. Agardo que siga estando aí»

V. Couto / M. López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

26M: As municipais | O candidato socialista di que leva un programa «realista, honesto» e co que poderán loitar por Muxía

22 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Iago Toba Campaña (1987) é «moi de Muxía», como el mesmo di de cando en vez. Ante si ten o complicado reto de relevar ao histórico rexedor Félix Porto como candidato socialista á alcaldía. Un labor que afronta, di, con ilusión e entusiasmo. Nada máis saberse que sería el quen tomase o relevo de Porto, dicía estar convencido de que o PSOE gañaría as eleccións, grazas a un programa sólido, compacto e realista confeccionado para tódolos veciños por igual. «Non me dá medo que digan que o meu proxecto non ten solidariedade», afirmaba a La Voz hai apenas uns meses, en relación á posibilidade de que fose cualificado de continuísta.

Edil dende hai catro anos, Iago Toba tivo, xa dende ben pequeno, unha forte vocación política. É arquitecto técnico de profesión, aínda que tamén ensinou matemáticas nun centro académico.

-Primeira campaña electoral como candidato á alcaldía de Muxía. Como a está vivindo?

-Pois a verdade é que estou encantado, contento, feliz. Estouna gozando moitísimo, pois ter a posibilidade de devolverlle a Muxía un pouco do que Muxía me dá a min -con esforzo e traballo, iso si- é algo indescritible. Estouno gozando día a día e veciño a veciño.

-Como ve o escenario político no municipio de cara aos comicios deste domingo?

-Teño moi boas sensacións e os veciños así mo transmiten. Pero eu penso que os logros conséguense traballando, e traballando da maneira que o Partido Socialista sempre o fixo, con proximidade aos veciños. Non dou nada por feito: eu continúo transmitíndolle ás xentes de Muxía a idea que temos para este municipio e ese magnífico labor que se fixo con Félix Porto como alcalde.

-Cre que a marcha do actual rexedor afectará aos resultados destas eleccións?

-Félix Porto é un puntal importantísimo para o proxecto, para o partido e para Muxía, como tamén para min, a título persoal. El está ao tope con nós, dáme a sensación de que non chegou a marchar. Somos a esencia que sempre fomos: a do traballo en equipo. Evidentemente Félix é para min un referente político, pero tamén un amigo. Agardo que siga estando aí. Non teño ningún tipo de medo ás posibles consecuencias de que el non sexa o candidato, porque estamos traballando todos como equipo.

-Que propostas destacaría do programa que ofrece o Partido Socialista de cara ao vindeiro mandato?

-Non podería destacar unha proposta concreta porque temos un programa moi completo, porque hai iniciativas encamiñadas a veciños de tódalas idades, parroquias, sectores económicos... É certo que o turismo está á alza e todo tipo de proxectos encamiñados a melloralo serán importantes. Creo que levo un programa realista, honesto e co que estamos seguros de que poderemos loitar por Muxía.

A favor / en contra

  • Cadea perpetua revisable: En contra
  • Aborto: A favor
  • Investigados nas listas: Ante todo, presunción de inocencia
  • Traslado de restos de Franco: A favor
  • Referendo Cataluña: Eu diría: diálogo en Cataluña
  • Acollida refuxiados: Hai que ter memoria: a favor
  • Eutanasia: A favor
  • Cambio lei violencia xénero: Para mellorar sempre
  • Prohibición fumar praias e piscinas: A favor
  • Casco urbano a 30 km/h: Cada casco urbano é un mundo

Preferencias

  • A que hora se ergue?: Sete e media normalmente
  • Que almorza?: O Cola Cao de toda a vida
  • Prato preferido: Calquera pasta con atún
  • Que non comería?: Son de bo comer
  • Bebida preferida: Refrescos, aínda que non debería
  • Equipo de fútbol: Calquera que o faga con ilusión
  • Que coche ten?: Un Renault Scénic de 15 anos
  • Unha afección: Viaxar
  • Un lugar: A Punta da Barca
  • Que tarefas de fogar realiza?: Todas

Artes e letras

  • Escritor favorito: Rosalía de Castro
  • Último libro que leu: Cantares Gallegos que o volvín reler
  • Última película que viu: Cementerio de animales
  • Un artista: Calquera artesán de Muxía
  • Un actor: Morris
  • Unha actriz: A miña tía Rita, en representación da Escola de Teatro de Muxía
  • Un cantante: Joaquín Sabina
  • Tipo de música: Toda
  • Deporte que practica: Andar, se se considera deporte
  • Unha viaxe pendente: Gustaríame ir a Bali e a Singapur

A listaxe

1. Santiago Manuel Toba Campaña

2. Mónica Vilela Vilela

3. Irma Lucía García Barcia

4. Tania Romero García

5. Manuel Caramés López

6. Javier Romar Alvarellos

7. Olalla Benlloch Lema

8. Manuel Audino Louzán Franco

9. José Manuel Senlle Lagoa

10. Irma Vieites Pereira

11. Félix Porto Serantes

Suplentes:

Patricia Domínguez Marino

Casimiro Pérez Rodríguez

María del Mar Campos Vilela

José Leandro Pazos Bermúdez

Felipe Vilela Vilela

Rocío tajes Domínguez

Nuria Santos Rodríguez

José Manuel Touriñán López

Arturo Baltasar Suárez Varela