Un pobo que camiña chega lonxe

Xosé Ameixeiras
X. Ameixeiras CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Centos de veciños de Baio botáronse á beira do río para gozar dunha ruta labartiana

18 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Baio é un pobo que camiña. E un pobo que camiña chega lonxe. Centos de persoas participaron onte na competición e andaina do Duatlón das Letras, unha iniciativa labartiana coa que toda a veciñanza se botou a gozar dos templos naturais da beira do río Grande.

Un admirable traballo da asociación de veciños Tabeirón co propósito de lembrar ao seu escritor máis fecundo, Enrique Labarta Pose, fixo que gran parte dos baieses se lanzasen á ruta. Saíu a multitude da Carballeira, esplendorosa, e tomaron a beira esquerda río arriba. Baixaba a auga calada nos primeiros tramos. Os carballos reflectían as súas roupaxes no espello da codia da auga. Ata chegar á presa da Su a Agra, onde os máis novos facían selfies. Pouco máis adiante aparece a das Quintas. O leito preséntase rico en adobíos naturais.

Pedra Vixía, outro dos monumentos paisaxísticos da ruta. As súas insuas, as pequenas férvedas e a cúpula da ramaxe dos carballos invitan a sentarse a admirar o lugar, pero hai que seguir, mais a organización sorprende aos camiñantes con un bufé: café, refrescos, doces, froita...

Despois de cruzar a estrada Baio-Santiago, os camiñantes diríxense de novo á beira do río, onde o atopan á altura do Bauso. Unha casa, un muíño e unha vella ponte dan paso de novo a unha sinfonía verde: carballos, abeneiros, loureiros, castaños, salgueiros, abeleiras e unha admirable plantación de sequoias. O río baixa calado, unhas veces, e cantando, outras. Entre tanto verde, aparecen esqueletos de muíños. Un próximo á Cebola de Abaixo semella aínda estar en activo.

Diante das Torres do Allo, outra vez bufé. Un luxo. Uns admiraron o pazo, outros o pombal. A ruta é o mellor regalo que un poida ter nun día das Letras Galegas. Segue por un camiño coroado por loureiros. Nos muíños de Marcial, Isabel lembra que, de nena, ía a buscar fariña a cabalo. Ó final, un gran xantar comunitario. Ás veces, a perfección existe.

Os resultados do Duatlón

Parellas 

  • Álex González-Víctor Dguez. 1:34:21
  • Francisco Villar-Dani Maneiro 1:36:13
  • Rubén Pardo-J. Miguel Gómez 1:36:56

Individual 

  • David Calzas Insua 1:34:14
  • Francisco Pais Fondo 1:37:16
  • Martín Regueira Millán 1:37:55

Parellas mixtas

  • Alejandra Formoso- Vicente Formoso 1:47:35
  • Individual feminina Tempo
  • Amira Simón Martínez 2:09:31