Anxo Lorenzo: «Agora as Letras duran todo o ano»

Cristina Viu Gomila
Cristina Viu CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

MARCOS MÍGUEZ

A VIVA VOZ | Director xeral de Políticas Culturais | Recomenda paciencia para os que agardan a ser homenaxeados tal día como hoxe

17 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Anxo Lorenzo pasará boa parte do día en Cotobade. Polo seu cargo irá dun acto a outro, pero asegura que será unha xornada de festa e traballo «con gusto»

-Por que temos que celebrar as Letras Galegas?

-A festividade naceu en 1963 por iniciativa da Real Academia Galega, que segue a ser a entidade que convoca, como un acto de difusión pública da cultura e a literatura galega nun momento, no franquismo, en que estaba oculta. Co paso do tempo esa reivindicación converteuse nunha gran festa da cultura e da lingua galega totalmente atomizada, espallada polo territorio, con participación pública e privada, un éxito que, seguramente, hai 56 anos non serían capaces de imaxinar.

-Ao mellor agardaban que no seguinte século xa non tivera nada de reivindicativo.

-Calquera tipo de celebración reivindica unha persoa ou un proxecto. Non está rifado o feito de que nestes momentos esteamos nunha situación de normalidade e liberdade para poder seguir reivindicando que a cultural e a lingua formen parte da nosa sociedade. Sobre todo facendo moito fincapé na persoa homenaxeada e o que foi para o ecosistema cultural e lingüístico de Galicia.

-Moitas veces é unha cuestión de descubrimento; para moitos a figura e a obra de Antonio Fraguas era descoñecida. Moitos rapaces quedaron encantados coa súa obra.

-Fraguas ten moitas facetas interesantes e unha delas é precisamente a vinculada cos nenos, co seu traballo de profesor. Tiña moi claro que esa pedagoxía e esa transmisión de coñecementos era algo fundamental para a supervivencia da propia cultura popular de Galicia. Derivado diso tiña unha faceta divulgadora, tiña claro que todo o que estaba a facer pola cultura popular de Galicia non tiña que ir só cara aos especialistas, senón ao público en xeral.

-Como conseguen manter o interese polos autores despois do Día das Letras?

-Hai outro cambio importante con respecto aos inicios da celebración das Letras. Agora estamos con actividades practicamente todo o ano. Si é certo que a persoa homenaxeada é foco de atención neses 12 meses, e a partir de xaneiro teremos outra persoa e outro momento diferente. Pódese pensar que é un esforzo algo baldío, pero eu creo que hai unha acumulación de coñecemento, de materiais, de información na web...

-Que pensa das actividades que se desenvolven na Costa da Morte e no Barbanza?

-As Letras son, efectivamente, unha celebración territorial que está estendida por toda Galicia, o que é un aspecto novo destes últimos 15 ou 20 anos. Nesas comarcas hai unha rede educativa importante, na que se produce unha cantidade enorme de actividades. No caso de Ponteceso destacan as Festiletras, que é unha celebración enormemente importante.

-E os concellos, que tamén fan un esforzo por programar.

-Desde logo, e tamén desde a Administración provincial e a autonómica sempre procuramos botar unha man para facilitar esas programacións.

-Hai moitos autores que agardan a súa quenda, como Xosé Agrelo.

-A decisión é da Real Academia Galega. Recibe todos os anos diferentes peticións, a maior parte delas moi argumentadas ademais, con estudos que tentan transmitir a relevancia de determinadas persoas e con iso toman unha decisión. Eu recoñezo que non me gustaría verme nesa situación, porque hai moitas persoas que cumpren os requisitos para ser homenaxeadas nas Letras e ao final é unha soa por ano. Hai entidades que insisten nas súas peticións e que non ven colmadas as súas expectativas.

-É bo que lle boten paixón na defensa dos seus candidatos.

-Ten que haber unha boa argumentación, pero nestes casos é importante a paciencia.

-Cal é a política con respecto ás fundacións e ás casas museo?

-Son moi importantes na conservación do coñecemento das persoas que lles dan nome, na preservación e ás veces na custodia de legados. A outra característica fundamental é que están a facer un traballo de dinamización cultural moi importante. Desde hai tres anos mantemos un foro. O primeiro foi en Ponteceso. No último falamos de incorporar casas museo do norte de Portugal.

-Que lle parecen as iniciativas como A Voz de Barbantia?

-Contar cun instrumento periódico onde se recolla dalgunha maneira o que é a actividade cultural dunha comarca con tanta vida como a do Barbanza é moi importante e un modelo perfectamente exportable a outras comarcas. É importante contar con entidades como Barbantia e un medio comunicación da potencia de La Voz de Galicia.