Aves e talento creativo voan nas Letras Galegas

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

As 37.ª Festiletras do Couto encaran hoxe unha das súas xornadas máis intensas. Serao tamén en Carballo, e noutras localidades: ¡consulte esta axenda! 

17 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Uns 300 escolares de Malpica, Zas, Cabana ou Ponteceso volveron facer onte do Couto un lugar de encontro para participar, pola mañá, no Festiaves, unha proposta incluída na 37.ª edición das Festiletras e realizada co apoio da Deputación: rutas guiadas para a observación de aves, obradoiros, actividades diversas relacionadas coa ornitoloxía... Aínda que caeran «catro gotas», non foi impedimento algún para que os máis novos volvesen converter esta Aldea e o seu entorno nun fervedoiro de futuro. O talento creativo, como as aves e os seus voos, anda sempre percorrendo esta comarca, e de aí actos coma o de onte na Casa da Cultura de Cee, para o recoñecemento do talento gañador dos certames convocados pola biblioteca pública municipal Francisco Mayán.

JORGE PARRI

Volvendo ás Festiletras, teñen no recordo alí a «impresionante» voz de Su Garrido, que sorprendeu a moitos, ou a harmonía de Rosa Cedrón, ao cerrar do día do mércores. Dispúñanse na tarde de onte a aprender da mestra Mercedes Peón, que para hoxe, ás 20.00 horas, ten previsto o seu concerto arredor de Déixaas. Será ás 20.00, como colofón a unha xornada de venres completísima que comezará ás 11.00, na sede da Fundación, co recital 50 poemas galegos sobre as árbores. Tamén neste mesmo lugar recibirán a un xa coñecido animador, Anxo Moure: desta volta, na xornada Pondal e os pinos, virá cargado de Música das árbores.

Baiuca, cun concerto ás 14.00 horas a canda unha sesión Terras Gauda, e un obradoiro de ballet a cargo da Escola Druída son outras das propostas deste día de festa no Couto. Se a mañá semella completa, aínda máis intensa virá a tarde. Así, irá dende a Feira das Emprendedoras á presentación do mural de Lidia Cao, ao que anda dando vida estes días. Tamén Miguel Anxo Calvo, O Mighelo, puido levar a cabo o mural conmemorativo que se tiña previsto realizar no mes de febreiro dentro da comemoración do Día do Himno impulsada polo Concello de Ponteceso dende as áreas de Educación e Patrimonio. Daquela, o tempo non o fixo posible, mais agora puido ser, e ademais en plenas Festiletras. Colocarase nel, unha vez rematado, una placa da escultora Isa Fernández. Dende as 17.00 horas en adiante chegará o acto de recoñecemento das Literatas deste ano, a regueifeira Lupe Blanco e a escritora Natalia Lema. Haberá unha ofrenda floral a Eduarda Pondal, escoitarase a Clara Amado e tocarán ademais os gaiteiros de Inllar. Está prevista a presenza da secretaria xeral de Igualdade, Susana López.

De novo varios talleres están programados para a tarde: Polo Correo do Vento, As Lerchas de Agualada (pandeireta), Batucada de Vimianzo e Olga Kirk (Muiñeira Global) serán os encargados de levalos a cabo. Este intenso venres concluirá, ás 19.30 horas, coa actuación de Raigañas e, finalmente, co talento de Peón.

Ana Garcia

Día de «Letras en Voces» e de «Contra Letras» en Carballo

Hoxe, 17 de maio, é xornada principal na capital de Bergantiños, cun «Letras en voces» que incluirá pasarrúas e actuación da Banda Municipal de Gaitas (11.00, xardín); ficción dramatizada a xeito de entrevista a Antón Fraguas co alumnado do San Luís Romero (11.00, xardín); concurso infantil de pintura Luís Calvo (dende as 11.00, na Praza); contacontos con Caxoto (11.30, xardín); contacontos con Raquel Queizás (11.30, ludoteca); concerto de Pablo Díaz (12.30, xardín); e Concerto das Letras coa Banda de Música Municipal de Carballo (13.30, rúa Coruña).

Pola súa banda, o Casino 1889 programou para hoxe as primeiras actividades do Festival Contra-Letras: mesa redonda O galego nos blogs de libros (18.00), conversa con Rafa Otero e Patricia Molina sobre a necesidade da poesía (18.30) e entrega de premios da segunda edición do certame Festas Minervais (20.45). A isto hai que sumar a estrea do documental Buenosdíastengausté (20.00, Oza, con Senda Nova) e a presentación dos libros Milladoiro de Contos (Adriana Andrade), Salseiros, Xeixos e Charamuscas (Suso Lista) no local social de Cances (21.00, con San Campio).

O xurado do certame de poesía Eduardo Pondal, reunido na tarde de onte.
O xurado do certame de poesía Eduardo Pondal, reunido na tarde de onte.

Fallo do primeiro Premio de Poesía Eduardo Pondal

Nun acto público previsto para hoxe ás 10.00 no salón de plenos, o Concello de Ponteceso, Fundación Pondal e Medulia Editorial darán a coñecer o fallo da primeira edición do Premio de Poesía Concello de Ponteceso Eduardo Pondal. Foron máis de 30 os manuscritos recibidos, procedentes de diferentes puntos de Galicia, o que para o edil Carlos Penedo dá mostra da boa acollida deste certame. Exerceron de xurado Luciano Rodríguez, Teresa Seara, Montserrat Yoldi, Miguel Anxo Mato, Xulio López e Diana Varela (secretaria).

Galardóns do concurso de escrita para escolares en Camariñas

A Praza do Concello de Camariñas acollerá hoxe, ás 12.00 horas, a entrega de premios do certame literario Concurso Letras Galegas convocado polo Concello. Nel tomaron parte escolares de todos os colexios do municipio. Sinalan dende a organización que, debido ao alto nivel das obras presentadas, haberá cinco accésits, ademais dos premios correspondentes ás seis categorías, en función das idades. Inventi Teatro, coa súa Tropa do Doutor Milagre, presentará e animará a xornada. En caso de choiva, na Casa de Pedra.

E ademais, hoxe...

Cerceda

«Canta, miña pedra, canta». Cantos e cancións para renderlle homenaxe a Antonio Fraguas. Ás 17.00, no auditorio municipal, co músico Xoán Curiel e a contadora Charo Pita.

Dumbría

Banda de gaitas Invernía. Directiva da Banda de Gaitas Invernía, alcalde de Dumbría e representante da delegación galega do Festival Intercéltico de Lorient levarán a cabo hoxe, ás 11.30 horas, no Conco, a presentación oficial desta formación. Anunciarán, tamén, a participación de Invernía neste festival de música celta, o máis importante a nivel mundial. Invernía, da cal forman parte os gaiteiros de Buxantes, representará Galicia. Pola tarde, ás 17.30 horas, ofrecerán un concerto na Casa de Cultura de Olveira.

Baio

Duatlón das Letras na Vila de Labarta. Saída ás 10.30 horas dende a Carballeira de Baio. Antes, ás 09.30, andaina. Ás 13.00, carreira infantil.

Cee

Concerto da Banda de Música de Cee. O programa «Maio das Letras Galegas» deseñado polo Concello de Cee ten reservado para hoxe, ás 12.30 horas, no auditorio Baldomero Cores da Casa da Cultura, un concerto da Banda de Música de Cee. Segundo conta o seu director, Fernando Fraga, ofrecerá un repertorio variado, aínda que con maioría de obras de autores galegos. Ademais, o Coro Infantil da Escola de Música interpretará para todos os asistentes o Himno Galego.

Vimianzo

Día das Letras en Pasarela. A Asociación de Veciños de Pasarela, coa colaboración do Concello vimiancés, programou un festival para as 16.30 horas: Trubisquiña de Vimianzo, Aserrín e Viruta, Os Sapapusios de Pasarela, Trampulleiro, Airiños do Río Grande, Foliada de Salto, Amas de Casa-Hórreo de Mazaricos, O Son do Castro e As Trafejeiras de Pasarela. Presentarán o encontro Alba e Paula.

Carballo

Concentración de Queremos Galego. A plataforma esixe liberdade, igualdade e xustiza para o galego. Ás 12.00 horas, na Praza de Carballo.

Laxe

Sementeira de libros. O Concello conmemora este 17 de maio coa representación teatral «Made in Galicia», inspirada na obra homónima de Sechu Sende. Repartiranse exemplares do libro e tamén se ceibarán de forma simbólica, ata esgotar existencias. Ás 12.00, na Praza de Ramón Juega.

Fisterra

«Caída», de Suso Bahamonde. Presentación do poemario de Suso Bahamonde na biblioteca: 19.00.

Foliada con Rapacollón’s. A partir das 20.00, no Bar Alberto, da Anchoa. Música, cantareas e pinchos.

Can de Ghaiteiro, no Boulevard. Das 00.00 en adiante: gaita, requinta, tamboril, acordeón, bombo... ¡Festa!