O galego en Suíza por un emigrante de Carnés

s. g. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Miguel Anxo Méndez prepara un acto aberto en Zúrich para o día 17

16 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

nda quedan algúns centros galegos en Suíza que organizan actos específicos de cara ás Letras. Hai exemplos veteranos, dende Sementeira de Basilea ata A Nosa Galiza ou Irmandade Galega en Xenebra. Pero xa nada é o que era. Pero, igual que o panorama cambiou e foi a menos, tamén ao revés xorden ás veces emigrantes que se preocupan por dar a coñece a cultura galega. É o caso de Miguel Anxo Méndez Bujeiro, de 42 anos, 25 deles xa en Suíza. Natural do Mouzo, en Carnés, deseña e constrúe mobles de metal. E para este día 17 preparou unha intensa tarde de actividades, entre as 17.00 e as 23.00, dedicadas á cultura galega. Será, para todos os interesados, no centro Promoción de la Cultura Española de Zürich, no que colaboran moitas entidades, e nun local que serve de punto de encontro. Haberá libros a disposición dos asistentes, para ler, recitar ou compartir, e non só de Antón Fraguas. «O que queremos é que a xente participe», explicaba onte. Para animar, tamén haberá gastronomía galega (polbo, empanada, caldo, tarta de Santiago...). En caso de que quede algún beneficio, será para a entidade, por tratarse dun centro e dun acto sen fins de lucro. Música galega, unha pandereiteira, imaxes de Galicia, artesanía... E un convite a que todos os que queiran se sumen e se inicie así unha actividade que teña continuidade.