Así veñen as Letras Galegas para hoxe, mércores 15 de maio

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

Consulte aquí as diferentes propostas para esta xornada en torno ao 17 de maio

15 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Ademais das Festiletras, outras localidades acollen actos en torno ás Letras Galegas: 

Do Curruncho Pop a Iseo A Moura na biblioteca Rego da Balsa

A biblioteca Rego da Balsa de Carballo, xunto co Pazo da Cultura, tense convertido no epicentro da vida cultural de Carballo. Acolleu o sábado a última entrega do Curruncho Pop deste sábado, primeiro coa presentación do libro Can. El sueño alemán, do xornalista e crítico musical Jaime Gonzalo, e logo co concerto de Pantis, o proxecto en solitario de Rubén Domínguez, músico, deseñador e realizador audiovisual. Muda de contidos hoxe a biblioteca, xa que pasa a acoller ás 18.00 horas, e da man da concellería de Cultura, unha sesión de contacontos a cargo de Iseo A Moura: co título Antón Fraguas no bosque da Moura. Consultar se aínda quedan convites dispoñibles.

BASILIO BELLO

Tributo a Fraguas cunha exposición itinerante en Laxe

A partir de hoxe, mércores, a biblioteca de Laxe acollerá a exposición de paneis informativos con motivo da homenaxe a Antón Fraguas, persoeiro a quen se lle dedican as Letras Galegas este 17 de maio. Poderase visitar no horario habitual deste espazo e estarán así mesmo a disposición do público, toda a segunda quincena de maio, as guías en formato papel e dixital da bibliografía do autor. Unha oportunidade para coñecer esta figura, escritor, historiador, antropólogo e tamén etnógrafo.

«Milladoiro de contos» estrea biblioteca escolar en Malpica

Xusto agora que se cumpre un ano da primeira presentación no local das Pozacas do libro de narracións infantís Milladoiro de Contos, de Adriana Andrade e Teresa Fernández, a obra inicia neste Mes das Letras unha pequena xira. Andrade, escritora de Cerqueda, acudirá hoxe ao colexio Milladoiro malpicán, onde compartirá tempo co alumnado de primaria. Vai ser, ademais, a primeira narradora en estrear a nova biblioteca deste centro escolar. Tamén hoxe pasará polo CEIP Xoaquín Rodríguez Otero de Buño.

Xogos tradicionais e ciencia co Melga e Pérez y Verdes

A cuarta xornada de Festiletras do Couto terá un atractivo engadido máis, da man do Museo Etnolúdico de Galicia (Melga) e da Fundación Ricardo Pérez y Verdes. Así, para este mércores, entre as 11.00 e as 17.00 horas, está previsto o segundo Encontro de Xogos Tradicionais e Ciencia. Levarase a cabo no entorno da Fundación Eduardo Pondal e nel poderán tomar parte alumnos de educación infantil, primaria ou secundaria. Ciencia, letras e patrimonio lúdico quedan deste xeito unidos no entretemento.