Xan Carlos Sar: «A atención aos veciños, o día a día, é fundamental»

v. tasende / s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

26M: As municipais | Repite Kuka Sar á fronte dos nacionalistas de Fisterra. Di que vai a por todas, a ter a maioría, pero sen descartar volver a sentarse co PSOE

08 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Xan Carlos Sar, Kuka (1974), repite como candidato á fronte do BNG de Fisterra. É peixeiro, e antes mariñeiro, aínda que agora está dedicado á vida municipal.

-Repite vostede como cabeza de lista.

-Si, os compañeiros e compañeiras decidiron que tiña que ser eu quen representase ao BNG e quen fose candidato.

-Como ve a situación de Fisterra despois destes catro anos?

-A situación política vémola bastante mellor ca hai catro anos atrás. Nos últimos catro anos empezamos unha transformación do Concello, que viña de pasar catro anos inmóbil, sen ningunha ilusión por parte dos que nos gobernaban: falta de proxectos, caótica situación urbanística, non tiñan un programa de dinamización cultural nin económica nin turística. E coa destrución da actividade pesqueira, que tanta falta nos fai no Concello, sorprendeunos toda a inmobilidade que tiñan. Agora podemos dicir que as cousas do día a día, a atención aos veciños, é algo fundamental neste novo goberno.

-Que destaca do programa do BNG?

-Temos moitas ideas que sacar adiante. Temos o cemiterio de Portela para rematar; o castro de Castromiñán tamén, según se aprobe no PXOM. Seguiremos estando atentos e ao pé do canón as 24 horas, respondendo aos problemas da veciñanza sexa o que sexa: lumes, apagóns, cans abandonados... O que sexa. Estaremos aquí para atendelos. Agora o resto de candidatos están movéndose e falando coa xente, pero que quede claro a quen chamaron nestes catro anos e quen estivo atento todo o tempo.

-Que balance fai do traballo no bipartito? Ao principio había algunha xente que non apostaba moito por el.

-O goberno funcionou, a grandes liñas. E funcionou ben. É certo que houbo desacordos e tensións en algúns temas, pero sempre de portas para dentro.

-Hai cuestións nas que teñen puntos de vista diferentes.

-O BNG ten un proxecto e un modo de entender determinadas cuestións que para nós son irrenunciables, e o PSOE ten outro.

-E se cadra hai que volver a xuntarse.

-Se o resultado volvese a ser o mesmo, habería que sentarse e falar, claro. Nós preferimos ser a forza maioritaria. Ou levar tamén outros cometidos, e máis áreas... Dito en termos futbolísticos, nós non xogamos a empatar, senón que saímos a gañar, a por todas. Queremos ter a maioría na corporación.

A favor / en contra

  • Cadea perpetua revisable: En contra
  • Aborto: A favor, pero é das mulleres
  • Investigados nas listas: En contra completamente
  • Traslado de restos de Franco: A favor. Xa non tiña que estar aí
  • Referendo Cataluña: A favor sempre da democracia
  • Acollida refuxiados: A favor
  • Eutanasia: A favor
  • Cambios lei violencia xénero: Sempre para mellorar
  • Prohibición fumar praias e piscinas: A favor. E son fumador
  • Casco urbano a 30 km/h: A favor

Preferencias

  • A que hora se ergue?: Sobre as 7.30
  • Que almorza?: Café con leite
  • Prato preferido: Caldeirada de abadexo. Da nai.
  • Que non comería?: Peixes capturados en arrastre
  • Bebida preferida: Cervexa
  • Equipo de fútbol: Fisterra. E Celta
  • Que coche ten?: Fiat Stilo de 2ª man
  • Unha afección: A música
  • Un lugar: Fisterra. Mar de Fóra é ideal
  • Que tarefas de fogar realiza?: Un pouco de todo. Repartimos

Artes e letras

  • Escritor favorito: Castelao
  • Último libro que leu Marcos: La dignidad rebelde (Ramonet)
  • Última película que viu: Siempre a tu lado, Hachiko
  • Unha artista: Viky Rivadulla
  • Un actor: Miguel de Lira
  • Unha actriz: Marta Lado
  • Un cantante: Non son moito de cantantes. Grupos Zënzar e Nao
  • Deporte que practica: Sendeirismo
  • Unha viaxe pendente: Sigo pendente de viaxar a portos do Gran Sol nos que traballei

A Listaxe

1. Xan Carlos Sar Oliveira

2. Teresa Fernández Martínez

3. Paula Nemiña Lires

4. Pedro Pérez Traba

5. Noelia Papín Estévez

6. Luisa Domínguez Vázquez

7. Zeus Castiñeira Moure

8. Mónica Góñez Silva

9. Ramón López Valdomar

10. María Esther Vilela Romero

11. Germán Martínez Traba

Suplentes: Agustín Rivas Domínguez, María Inés Estévez Papín, Borja Trillo Traba