Eu tamén son o número 5910

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

06 may 2019 . Actualizado a las 15:11 h.

O Estado español instaurou o 5 de maio como o día de recordo e loanza ás vítimas do Holocausto nazi. Hai uns meses, a través dunha publicación do corcubionés Luís Lamela, souben que a aldea nativa de meus avós, Castrerón, tamén contaba cunha vítima do xenocidio alemá. A partires de aí, comecei a pensar na vinculación que podía existir ao seren, tanto Fidalgo como Antelo, apelidos vencellados á miña familia. Sobre todo nunha época onde os casamentos eran fundamentalmente dentro da mesma parroquia. A resposta deuma Roberto, amigo e descendente tamén de Baos. Seu avó, don Antonio, unha das persoas máis lonxevas de Baos, situou a Daniel como parte dos Pesqueiros, curmáns de meus avós. Cando o contrastei con eles, afirmaron que oíran falar del, como outro emigrante máis que marchara de Baos aínda antes de eles naceren.

Daniel Fidalgo Antelo, curmán de meu avó, morreu con 28 anos o 3 de febreiro de 1942, no campo de exterminio de Mauthausen, segundo datos do historiador Lamela. O seu número era o 5910. Roberto ensinoume a súa ficha no proxecto Nomes e Voces. Para min xa non é unha ficha máis. Póñolle nome, orixe, ideais a este mozo republicano que no medio do exilio foi detido polos nazis. Cando miro a súa ficha só penso no sufrimento, na dor, na soidade e no medo que debeu de pasar no medio do horror.

Miña avoa di que súa nai lle contaba que as historias da guerra é mellor esquecelas, que moitas nais abaneaban panos brancos cando despedían aos seus fillos para nunca volvelos ver. Eu dígolle que é necesario recordalas, sacalas do esquecemento, devolverlle un pouco de dignidade a quen non tivo voz. Supoño que iso, máis aló de ideoloxías, é a memoria histórica.