Un alumno da EFA Fonteboa gaña a terceira edición de Contos de Primavera

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCIA

«Vicentiña, algún día serás coma min», de Enrique Fernández Chumma, obtivo a máxima puntuación

05 may 2019 . Actualizado a las 23:31 h.

A terceira edición do certame literario Contos de Primavera, convocado por La Voz de Galicia e Radio Voz, co patrocinio do Grupo Calvo, xa ten gañador. É un alumno do centro de promoción rural EFA Fonteboa de Coristanco, Enrique Fernández Chumma, de 15 anos. O seu traballo Vicentiña, algún día serás coma min obtivo a máxima puntuación logo da suma de notas do xurado, integrado pola escritora e colaboradora de Radio Voz Belén Edreira; a técnica do Servizo de Normalización Lingüística de Ponteceso, Julia Ures; o delegado de La Voz de Galicia en Carballo, Xosé Ameixeiras, e as xornalistas Patricia Blanco e Verónica Couto.

«Era un 22 de xaneiro, día de San Vicente, seis da mañá, nunha parroquia de Coristanco chamada Centiña, famosa polas súas patacas e polos verdes campos. Estaba medio durmida, sentíame eu moi cómoda e quentiña, xa levaba aquí nove meses (...)»: así comeza o texto que se fixo co primeiro premio. Non lle andou moi lonxe Federico, o trasno de Touriñán, unha obra de Anxo Pose Baliña, estudante do colexio Manuela Rial Mouzo de Cee. Foi a que obtivo a segunda maior puntuación. A continuación, Lembranza, de Victoria Romar, tamén estudante no Manuela Rial.

Os autores destes tres contos levarán cadanseu agasallo e máis un diploma o día da entrega de premios, previsto para o sábado 11 de maio, na sala de Conservas Calvo. Tamén diploma se lles entregará aos seguintes sete textos que obtiveron a maior nota por parte do xurado, chegados algúns deles dos dous centros xa mencionados e tamén dende o IES Eduardo Pondal de Ponteceso.

A filosofía do certame

Contos de Primavera pretende seguir o camiño do xa lonxevo certame Contos de Nadal, este último dirixido a estudantes de primaria. A diferenza do de inverno, este concurso vai destinado a alumnos de secundaria de Bergantiños, Soneira e Fisterra. Aspectos históricos, paisaxísticos, etnográficos e patrimoniais habían de ser a temática, algo moi ben recollido polos estudantes: dende a riqueza da Costa da Morte ata o agro bergantiñán están presentes nos seus textos.

Os dez traballos seleccionados

  • Primeiro Premio. «Vicentiña, algún día serás coma min», de Enrique Fdez. Chumma (Fonteboa)
  • Segundo. «Federico, o trasno de Touriñán», de Anxo Pose Baliña (colexio Manuela Rial Mouzo)
  • Terceiro. «Lembranza», de Victoria Romar (colexio Manuela Rial Mouzo)
  • Cuarto. «Carballeira recupera a súa identidade», de Alejandro Varela Dovale (Fonteboa)
  • Quinto. «Un verso solto no facho», de Carlota Atán Ares (Manuela Rial Mouzo).
  • Sexto. «Unha saída diferente», de Alba Agrelo Gil (Instituto Eduardo Pondal).
  • Sétimo. «A fin do mundo», de Marta Vérez Pequeño (Manuela Rial Mouzo).
  • Oitavo. «Habelas, hainas», de Adriana Castiñeira Iglesias (Manuela Rial Mouzo)
  • Noveno. «Mestixaxe», de Hadrián Félix Neira Varela (IES Eduardo Pondal).
  • Décimo. «O misterio da casa abandonada», de José Regueira Santos (EFA Fonteboa).