Pilar Piñeiro: «Os traballos relacionados coa economía circular son o futuro»

Ecovoz 2019 | O respecto ao medio ambiente e a comunicación nesta materia son cada vez máis importantes. Cóntao a coordinadora do máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible na Universidade de Vigo


carballo / la voz

O máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible, da Universidade de Vigo, forma profesionais de todos os campos, tal e como afirma a súa coordinadora, Pilar Piñeiro.

-O máster que coordina goza xa de importante prestixio e mesmo o ano pasado recibiu o premio APROEMA na modalidade de centros académicos.

-É un premio que convoca a Asociación de Profesionais de medio ambiente de Galicia e está dirixido nesta modalidade de centros educativos a iniciativas ou proxectos que están relacionados coa sostenibilidade, co medio ambiente, pero en xeral coa sostenibilidade. Nós presentámonos á cuarta edición dos premios porque levamos xa dez anos co mestrado, aínda que empezamos cun proxecto pequeniño xa van dez anos, con 200 profesionais formados que están no tecido empresarial galego.

-Que tipo de formación reciben os alumnos?

-É unha formación transversal, cremos que a formación en sostenibilidade ten que abordar os 3 enfoques, os 3 piares que ten a sostenibilidade, a pata ambiental, a parte social e a parte económica. Moitas veces pénsase en desenvolvemento sostible como que é respectuoso co medio ambiente, pero tamén ten que ser respectuoso coas persoas, por iso falamos de desenvolvemento social, e tamén ten que ser viable economicamente porque se a parte económica falla as cousas non van a funcionar. Falar de cartos ás veces parece que dá un pouco de vergonza, que non é politicamente correcto, pero nós estamos nunha facultade de ciencias económicas e cremos que é fundamental para que funcionen as cousas. De feito, as empresas, os organismos que traballan cun enfoque de sostenibilidade, non só teñen beneficios ambientais e sociais, teñen beneficios económicos, e ten que ser así. As empresas que o fan ben dende un punto de vista ambiental e social está ben que teñan un maior retorno económico porque é a forma de que funcionen as cousas, as cousas por buenismo, por dicir quero coidar o medio ambiente, non funcionan desgraciadamente.

-A que campos profesionais podería interesarlle?

-O destino laboral dos nosos alumnos depende moito da súa formación previa e tamén de cara onde queren dirixir o seu traballo. Nós, por sorte, temos alumnos de todas as titulacións que te podas imaxinar. En función da súa orixe académica e dos seus intereses diríxense máis cara a consultoría, cara a xestión dos residuos, cara o mundo do márketing, da información... Coa nova Lei da información non financeira todas as empresas teñen que mostrar á sociedade o que fan nestes aspectos, entón o campo de traballo é moi amplo, e cada vez máis. Agora mesmo, que a economía circular está collendo máis forza están aparecendo moitos máis campos de traballo.

-Comunicación en medio ambiente, fundamental.

-Por suposto, é importante que as empresas e organismos públicos fagan cousas, pero non só deben quedarse en facelas, hai que comunicalas, porque o que non se comunica non existe. Cando as empresas fan cousas de verdade é ben comunicalas, entón aí hai todo un campo de traballo no marketing ecolóxico, tamén o hai no periodismo ambiental. Non soamente no campo da información, calquera estudo, calquera grao se pode compatibilizar co campo da sostenibilidade, economía, enxeñería, ciencias xurídicas, ADE... Os alumnos son moi diferentes, e tamén con orixes xeográficas moi diferentes e estamos moi orgullosos disto. Son entre 20 e 25 alumnos.

-Como ve vostede o desenvolvemento sostible actual?

-Eu penso que respecto a cando empezamos, cando falabas de desenvolvemento sostible a xente mirábate raro, non sabían o que era. Creo que agora si está na axenda da sociedade, pero quizás non está tanto na axenda dos políticos. Con tempo, as cousas eu creo que van mellorar, é necesario que melloren porque o cambio climático é unha realidade que está aí e a sociedade ten que actuar. Cada vez máis os consumidores van demandar das empresas que sexan máis respectuosas co medio, por tanto, penso que é un campo con futuro. Os nosos alumnos por sorte poden combinar iso de facer as cousas ben co seu traballo, coa súa vida laboral, e iso é unha sorte.

-Que é o que máis vai demandar o mercado?

-Creo que todo o relacionado coa economía circular e a eficiencia enerxética, son os dous campos que agora mesmo están máis en boga. Todos os traballos relacionados coa economía circular eu creo que son o futuro, de feito están traballando na Estratexia galega de economía circular e penso que por aí vai haber moitos proxectos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Pilar Piñeiro: «Os traballos relacionados coa economía circular son o futuro»