Festiletras: «Estamos na Champions das artes e das letras de Galicia»

M. L / X.A. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

Presentado onte, na sede da Fundación Eduardo Pondal, no Couto, o programa definitivo do certame Festiletras, que se celebrará entre o 12 e o 19 de maio

29 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Cabalgan as Festiletras do Couto cara os 40 anos de vida. Corenta anos de artes, letras e ciencia; homenaxes, divulgación e recoñecementos. Corenta anos de Eduardo Pondal, e tamén de Eduarda, a gran amiga de Rosalía e principal inspiración de cara á impulsión das Literatas. Dende aquelas primeiras edicións dos anos oitenta, no Quinteiro, pasando pola Casa dos Veciños e, finalmente, pola sede da Fundación Eduardo Pondal.

Esta última, precisamente, acolleu onte a presentación oficial da nova edición deste certame que eleva ao Couto á Champions das artes e das letras, segundo expresaba o xerente da Fundación, Xosé María Varela. Un milleiro de nenos pasarán por esta pequena localidade pontecesá entre os días 12 e 19 de maio no marco da segunda edición das Festiciencias; e ducias de artistas, literatos, científicos e divulgadores farán o propio como convidados.

Moitas confirmacións foron xa lanzadas pola organización nos últimos meses, mais no completísimo programa de actividades sobresaen nomes como o de Marilar Aleixandre, o xenetista Ángel Carracedo, Mercedes Peón ou Xabier Díaz e as Adufeiras do Salitre, entre outros moitos.

Para a primeira xornada, o domingo 12 de maio, está prevista a entrega do premios Bos e Xenerosos 2019, outorgados nesta edición a Isabel Aguirre, Miguel de Lira, Rosario Álvarez e Carlos Blanco. Será ás 12.30 horas.

Haberá tamén clases maxistrais, recitais, obradoiros, presentacións de diferentes proxectos e ata unha chocolatada científica, con Carracedo, na carpa central, o mércores 15 de maio.

«Poucas aldeas en Europa poden presumir dunha celebración destas características», dicía onte Lois García Carballido, alcalde de Ponteceso, ante un concorrido salón de actos da Fundación.

Houbo agradecementos para a Xunta de Galicia, Deputación, Real Academia Galega e Consello da Cultura Galega, non só por apoiar economicamente ás Festiletras, senón por aportar medios e servizos que enriquecen a programación, como os tres académicos que se desprazarán ao Couto para participar en actividades cos máis pequenos. O obxectivo, din, é «achegar ao mundo rural os máis grandes acontecementos culturais de Galicia».