Alfredo Gonzélez: «Os partidos de Corcubión están acomodados»

F. Rodríguez / M. López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

JORGE PARRI

A carreira electoral | O empresario, candidato por Sempre Corcubión, considera prioritario impulsar un plan xeral e darlle un «realce» ao pobo, para facilitar a captación de turistas

29 abr 2019 . Actualizado a las 11:05 h.

O que fora no seu día tenente de alcalde no goberno nacionalista de Rafael Mouzo, Alfredo González García, lánzase nestes comicios a unha nova aventura: unha listaxe «inclusiva» e que pretende ser a mellor alternativa para Corcubión.

Sinala o candidato que percibe unha perda de ilusión no ambiente, así como un estancamento da política municipal, con partidos «acomodados» que non teñen iniciativa para impulsar proxectos que devolvan a Corcubión o seu dinamismo. Apela, para isto, á unión e á implicación de cidadáns e colectivos por igual. Responsable do Quiosco Rosalía, está tamén vinculado á asociación de empresarios da localidade.

-Esta será a primeira vez que encabece unha listaxe, pero, dende logo, non lle falta experiencia na política local.

-Si, hai unha experiencia con gobernos do BNG durante moitos anos. Foi unha experiencia bonita e que me ensinou moitas cousas. Pero as cousas cambian, o mundo avanza e cada quen vai puntualizando a súa posición. Agora estamos rematando de impulsar un novo proxecto: Sempre Corcubión Mareas Locais.

-Cales serán as liñas mestras do programa electoral que presenta con Sempre Corcubión?

-É difícil facer un resumo do máis destacado, pero si que é certo que hai cousas que son fundamentais, como o plan xeral, algo que temos que abordar si ou si. Hai que reconfigurar a estrutura interna dos traballadores do Concello, que non é a máis axeitada, para responder ás necesidades de Corcubión.

Outros temas serían a reparación do paseo marítimo ou o desexo de darlle un realce ao pobo como vila histórica para atraer ao turismo, un sector que é fundamental para nós. Tamén hai que ter moi en conta o tecido asociativo e brindarlles axudas e ferramentas de traballo a estas entidades para que continúen co seu labor e non desaparezan.

-Cinco partidos concorren ás municipais en Corcubión. Como ve a situación política no seu Concello?

-Hai un estancamento e parece que tódolos partidos políticos xa se acomodaron na posición na que están agora. Esa é unha inercia que temos que superar. Pretendemos ser o goberno máis votado e queremos gobernar Corcubión a base de consensos e para todos os veciños. Hai que levar a vila cara adiante.

A favor / En contra

  • Cadea perpetua revisable: Controvertido, pero en contra
  • Aborto: A favor, claramente 
  • Investigados nas listas: Hai que presumir a inocencia
  • Traslado de restos de Franco: A favor, hai que rematar dunha vez
  • Referendo Cataluña: A favor, por que non 
  • Acollida de refuxiados: Inicialmente, a favor
  • Eutanasia: A favor
  • Cambio lei violencia xénero: Só para mellorala
  • Prohibición fumar praias e piscinas: A favor
  • Casco urbano a 30 km/h: Tamén, concordo

Preferencias

  • A que hora se ergue?: 7.30
  • Que almorza?: Café con leite e algo sólido
  • Prato preferido: O marisco, evidentemente
  • Que non comería?: Nada sospeitoso [ri]
  • Bebida preferida: O viño galego
  • Equipo de fútbol: Non o sigo demasiado
  • Que coche ten?: Neste momento conduzo un 206
  • Unha afección: Gústame a rotulación
  • Un lugar: O Monte Pindo
  • Que tarefas de fogar realiza?: Depende do que me instrúan

Artes e letras

  • Escritor favorito: Manolo Rivas e Rocío Leira
  • Último libro que leu: El príncipe, de Maquiavelo
  • Última película que viu: Peli non, pero a serie Borgen
  • Un artista: Nacho Porto [cerámica]
  • Un actor: Artur Trillo
  • Unha actriz: Sara Casasnovas
  • Un cantante: Mark Knopfler, dos Dire Straits
  • Tipo de música: Chill out
  • Deporte que practica: A estas alturas... chega con camiñar
  • Unha viaxe pendente: Bruxelas

A listaxe

1. Alfredo Benigno González García

2. David Silva Blanco

3. Miguel Ángel Pet Canto

4. Susana González Santos

5. María Jesús Domínguez Traba

6. María del Carmen Caamaño Alonso

7. Manuel Ángel Abello Sánchez

8. Brais Cristino Trillo

9. Francisco González Aguilar

Suplentes:

1. José Juan Palazón Barandela

2. Alejandro Castro Silva

3. María Isabel Castrege Pazos