Branca Vilela contou en Muxía a historia do seu libro máis íntimo

Suso Bahamonde e Xulio Valcárcel acompañaron á autora na presentación da obra, no Bela Muxía


Carballo / La Voz

«Toda a nosa vida é unha sucesión de perdas: perda da infancia, da mocidade, da beleza; perda das forzas, da ilusión, dos soños...», así comeza Xulio Valcárcel o prólogo de Adeus espido do mar, o novo poemario que Branca Vilela presentou onte no lugar que, segundo ela mesma adoita dicir, lle deu o sangue: Muxía.

Era a de onte unha xornada destacada, á vez que melancólica, para Vilela. Nese día tería sido o aniversario do seu pai, o «capitán», xa falecido, ao que a autora dedica boa parte desta nova obra. Que a Virxe da Barca che leve polos mares da eternidade, reza o comezo do derradeiro poema, e continúa: Adeus ás canas de xeo / perfumadas con coroas / de lis, fentos e rosas / tras o cristal derradeiro / que afasta a vida da morte. Adeus. Adeus. Adeus.

Por iso era tan importante presentar esta peza, tan íntima, no día de onte: «Tiña que ser aquí, e tiña que ser neste día». Fíxoo no albergue Bela Muxía, arroupada non só polas xentes da vila da Barca, senón tamén por Suso Bahamonde, autor local, e polo seu fiel compañeiro e prologuista Xulio Valcárcel, a quen Branca agradeceu a confianza depositada «dende o primeiro libro que publiquei».

Compartiu a autora como foi o proceso de creación dun poemario que, segundo explicou, serviu como unha especie de «liberación», como un xeito de asumir tan triste perda. «Penso neste libro como nunha especie de elexía ao adeus», sinalaba a autora. Mais só a segunda parte foi escrita trala morte do seu pai, cando un editor coruñés afincado en Granada a animou a continuar coa peza. «Dixo: ‘‘E que fai unha persoa que escribe [traballando] nun bar?’’. Pois a realidade é que aínda non temos mecenas», bromeou Branca cos asistentes.

Narrou, así mesmo, a conmovedora historia do seu primo Abel -falecido no mar e cuxo corpo nunca se chegou a atopar- antes de proceder ao recital dese último poema co que Vilela pecha o libro. «A ver se son quen de rematar sen chorar», dicía, conmovida.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Branca Vilela contou en Muxía a historia do seu libro máis íntimo