Dombate, centro de saber do Neolítico

Patricia Blanco
P. BLANCO CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

O PATRIMONIO, BEN DE INTERESE CULTURAL | Uns 2.500 escolares de toda Galicia participarán esta primavera nas visitas guiadas e obradoiros que impulsa o Concello de Cabana, coa colaboración da Deputación, e que ofrece a empresa Galipat S. L.. Dende infantil ata adultos, pasando por primaria, secundaria, bacharelato ou FP: hai opcións para todos os niveis

27 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Foron máis de 560 en febreiro e marzo, máis de 500 en abril, superarán os 700 en maio e en xuño rondarán os 500. Segundo a previsión, ao redor de 2.500 escolares, cos seus docentes -fundamentalmente, aínda que tamén hai integrantes de asociacións? participarán na campaña de primavera de visitas con obradoiros no Centro Arqueolóxico do Dolmen de Dombate. O Concello de Cabana, en colaboración coa Deputación da Coruña, e coa posta en práctica dos talleres a cargo da empresa Galipat S.L., ten en marcha dende hai xa tempo unha exitosa programación didáctica gratuíta para os centros escolares de Galicia, EduCabana. Está centrada no megálito de Borneiro, Ben de Interese Cultural (BIC), e na vida do Neolítico galego.

De fondo, a idea de poñer en valor o patrimonio galego e a de achegar a cultura aos estudantes. Galipat propón para iso xornadas didácticas adaptadas á idade e nivel educativo dos visitantes, de xeito que todos poden coñecer de forma lúdica e activa a importancia deste lugar emblemático da historia da arqueoloxía galega. Centros de infantil, primaria, secundaria, bacharelato ou ciclos de educación especial, formación profesional e educación de persoas adultas poden escoller visitas guiadas mais unha serie de obradoiros, oito en total: pintura, música, tecidos, gravados, arqueoloxía, cerámica, lume e caza. A través deles coñecen, ven, tocan, escoitan, recenden e exploran a vida dos antepasados.

Múltiples procedencias

Xa noutras ocasións se ten referido a boa acollida destas propostas, mais esta campaña de primavera vén de amosalo de novo. Esta mesma semana quedaron esgotados xa os días dispoñibles para a realización dos talleres, aínda que seguen chamando grupos. Estes farán a visita normal, sen obradoiros, tal e como indica o guía Ángel Eiroa. A cooperativa CEM de Oleiros, un grupo de Pedagoxía da USC, visitantes de Ávila ou o IES de Fene irán pasando en vindeiras datas pola catedral do megalitismo galego. No que respecta aos obradoiros, teñen pasado polo Centro Arqueolóxico rapaces de Noia, Cambre, Carballo, Muxía, Vimianzo, A Coruña, Cee, Arteixo, Val do Dubra, Oroso, Cabana, Fisterra ou Ponteceso. Por diante quedarán visitas chegadas de Laxe, Ordes, Baio, Santiago, Santa Comba, Oza, Ames, Camariñas, Muros ou A Laracha, entre outros puntos.

Metodoloxía participativa

Os oito obradoiros teñen como máxima un proceso participativo, de xeito que os alumnos interactúan cos materiais didácticos expostos. A campaña de primavera botou a andar o 1 de marzo e prolongarase ata o 21 de xuño, cun total de 40 xornadas dispoñibles e xa completas. O aforo está limitado a 110 participantes por día. Entre os obxectivos xerais destas propostas impulsadas por Galipat atópanse o de coñecer e experimentar os modos de vida no Neolítico e os cambios que supuxo esta etapa para a humanidade; amosar as características principais do Megalitismo galego; comprender Dombate a partir dos elementos que se conservan; aprender a respectar o patrimonio arqueolóxico e a súa importancia; e tomar conciencia da importancia do uso responsable e sostible dos recursos naturais. Cabana fai do seu patrimonio, pois, un ben de interese cultural.

Os obradoiros

Azagaias, frechas, arcos... ¡á caza! Estudantes de secundaria e bacharelato son os destinatarios deste taller no que poden descubrir a través de distintas réplicas arqueolóxicas e obxectos característicos a evolución das técnicas cinexéticas ao longo da Prehistoria. Toman parte, tamén, nunha experiencia directa, converténdose en cazadores e cazadoras neolíticos e usando a súa destreza e habilidades para poñer en práctica esta técnica de caza primitiva.

Prehistoria style: o look do Neolítico.  Como sería a moda no Neolítico? Este taller para segundo e terceiro ciclo de primaria amosa roupas e adobíos dos antepasados: Como fabricaban os tecidos? Como evolucionaron as prendas no pasado? Dende as peles ata as fibras vexetais ou os tecidos feitos en teares verticais. Achéganse así ao «look» daquela época, realizando mesmo una pequena peza téxtil empregando teares prehistóricos.

A cerámica, o gran invento da época. O descubrimento da cerámica cambiou o curso da historia. É un dos elementos da cultura material máis importantes no desenvolvemento da Prehistoria. Rapaces de segundo e terceiro ciclo de primaria descobren neste obradoiro o proceso de transformación do barro, dende a súa recollida ata a transformación nunha cerámica Neolítica. Convértense en oleiros por un día e poden levar a súa peza á casa.

As ondas sonoras: a maxia da música. Experimentando con diferentes materiais do pasado, os alumnos que tomen parte neste obradoiro poderán analizar, descubrir e comprender a función da música. Está pensado para estudantes de terceiro, cuarto, quinto e sexto de primaria, que saberán así dos misterios da música: materiais empregados, tipos de instrumentos e situacións sociais que daban na composición de cánticos ou pezas.

A vida baixo terra: arqueólogos. Alumnos do segundo e terceiro ciclo de primaria, así como de primeiro e segundo da ESO, poden converterse en arqueólogos por un día, meterse na súa pel e empregar a ciencia coma se fosen detectives do pasado. Simulan unha situación do traballo que desenvolven estes profesionais, dende a escavación ata a manipulación de materiais. ¿E para saber que? Quen vivía alí, en que tempo, que facían, como eran...

Cores de Dombate: pinturas máxicas. Para educación infantil, primeiro e segundo de primaria. A pintura sempre tivo unha finalidade práctica, decorar os espazos, e neste obradoiro chamado «As cores de Dombate. Pinturas máxicas», os pequenos achéganse á importancia da linguaxe gráfica, plástica e visual como forma de expresión na Prehistoria. Coñecen, tamén, como se conseguían os pigmentos no Neolítico e como se formaban as diferentes cores.

As gravuras da Fornella. É un obradoiro para alumnos de terceiro, cuarto, quinto e sexto de primaria, así como primeiro e segundo da ESO. Descobren nel a importancia e forte valor simbólico e ritual das gravuras do dolmen. A partir dos debuxos e decoracións orixinais que se atopan no interior do dolmen de Dombate, elaboran unha peza feita en area que simulará a pedra na que os habitantes de hai 5.000 anos gravaron e pintaron estes símbolos.

Alumeando a mámoa: ¡lume! Pode neste obradoiro coñecerse de primeira man as dificultades e curiosidades de facer lume con paus ou con pedras. Estudantes de secundaria e bacharelato achéganse ás diferentes técnicas de obtención de lume empregadas na Prehistoria e coñecen ademais como o ser humano empezou a domesticar e a producir este recurso. Instrumentos musicais de culturas afastadas tamén están presentes.

José Manuel Casal

Máis de 5.400 persoas neste 2019

Grupos, actividades e visitas individuais elevan a 5.401 as persoas que visitaron o dolmen de Dombate no que vai de ano, a data de 25 de abril: 366 en xaneiro, 580 en febreiro, 1.410 en marzo e 3.045 en abril. Ata o 30 de xuño haberá percorridos guiados cada 30 minutos de martes a venres, de 10.00 a 14.00, e as fins de semana de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00. Contactos: 672 435 736 e 618 575 481. Para colexios, tamén: borneiro@gmail.com.