Últimos días para participar no certame Contos de Primavera de La Voz

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCIA

Estudantes de secundaria poderán mandar os seus relatos ata o vindeiro día 30

26 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Ata o vindeiro martes, 30 de abril, teñen de prazo todos aqueles estudantes da comarca que queiran participar no certame literario Contos de Primavera, convocado por La voz de Galicia co patrocinio do Grupo Calvo.

Nel poden concorrer alumnos de Educación Secundaria de institutos da Costa da Morte -comarcas de Soneira, Fisterra e Bergantiños, así como do municipio de Cerceda- con só enviar un relato que verse sobre aspectos paisaxísticos, históricos, etnográficos e patrimoniais da Costa da Morte. O único requisito que se impón aos aspirantes é que a creación, que deberá ser orixinal, non supere os 2.000 caracteres como extensión máxima.

Coa terceira edición desta iniciativa, na que se repartirán premios para os tres mellores contos e diplomas para os sete seguintes seleccionados, pretende La Voz fomentar a creatividade entre os mozos da comarca e replicar o efecto do concurso Contos de Nadal, un certame xa consolidado entre os centros educativos de toda a Costa da Morte.

A entrega dos contos participantes deberá efectuarse antes do 30 de abril, o vindeiro martes, remitíndose á delegación de La Voz de Galicia en Carballo, sita na rúa Gran Vía, número 84, primeiro esquerda. Desta tarefa deberán encargarse os institutos.

Aproveitando a proximidade da conmemoración do Día das Letras Galegas, a cerimonia de entrega de premios está programada para o día 11 de maio, cando a creatividade de dez mozos será recoñecida con cadanseu agasallo. En edicións anteriores os primeiros premios foron a parar a Hadrián Félix Neira (IES Eduardo Pondal) e Lucía Varela López (CPR Manuela Rial Mouzo).