Miguel Figueira: «Crieime xogando na rúa e na estrada, apartándonos cando pasaban coches»

O técnico, adestrador do Bergantiños (Terceira División), analiza a evolución do fútbol na Costa da Morte e na zona de Mazaricos


Redacción / La Voz

No fútbol hai moitos tipos de adestradores e de xogadores, pero só nun puñado de casos danse os factores necesarios para que un deles ame de verdade as cores dun club. Miguel Figueira (Mazaricos, 1974) é, sen dúbida algunha, un exemplo perfecto deste último caso. Un técnico que ademais de coñecer á perfección o pasado e presente do fútbol na Costa da Morte, así como na zona de Mazaricos e Carnota, é a mente que está detrás das impresionantes tempadas que leva asinando o Bergantiños nas últimas tempadas. E nesta recta final do curso, compiten por alzalo título ligueiro contra o Racing de Ferrol e o Compostela.

O certo é que para entender tal paixón hai que retroceder á mocidade de Figueira, a unha década dos oitenta «sen tantas categorías superiores, sen campos de céspede artificial e, polo tanto, sen tantas opcións de adestrar». Aínda que nun comezo viviu en Mazaricos, este trasladouse a Zas onde se criou ata os 13 anos, iso si, pasando cada verán na Picota. Logo, con 14 anos e xa en Vimianzo, chegou a súa estrea nun Soneira no que xogaba sen ficha, xa que a idade mínima eran 15.

Non importaba, pois o esencial era gozar deste deporte como o fixera antes co balonmán e o fútbol sala. Logo, fichou polo Bergantiños e durante o seu segundo ano de xuvenil subírono ao primeiro equipo que, décadas máis tarde, pode presumir de estar ás súas rendas e no que «teño todos os apoios e facilidades do club».

«Crieime xogando na rúa e na estrada, apartándonos cando pasaban coches. Era competición, eran partidos cada día nos que aprendías por ti mesmo. Quizais isto é o que lle falta ao fútbol hoxe en día», lembrou o técnico dos seus inicios no deporte rei sen importar o escenario, xa fose en Zas ou ante a Caixa Galicia na Picota, onde os seus avós tiñan un comercio e «sempre baixaba a xogar con Santi e Jose, os veciños». Eran os tempos nos que o terreo de xogo máis profesional que pisaban en Mazaricos eran os dous campos de terra que agardaban tras un importante paseo.

Compromiso e sacrificio

«Sempre tiven a sorte de contar co apoio de meus pais e dende os 15 anos comecei a gañarme a vida co fútbol», indicou Figueira para apuntar que na actualidade e, despois dun longo proceso que aumentou a profesionalidade no fútbol, o compromiso aínda é unha materia pendente en ámbolas dúas zonas. «A diferenza entre unha persoa que queira dedicarse de verdade ao fútbol está no compromiso das fin de semana e no sacrificio diario», anotou o experto.

Neste senso, o adestrador do Bergantiños opina que é fundamental o traballo na base, máis alá das frases baleiras. «O principal non son as palabras, son os feitos e demostrar que apostas polos rapaces», analizou Miguel Figueira, un profesional que adestrou a xogadores de todas as categorías e que pode dicir que «hai xogadores xuvenís que debutaron comigo en Terceira cun equipo que pelexa co Ferrol e co Compostela por ser campión. Sempre lles digo que a clave está en dúas palabras: a ilusión, por facer as cousas ben, e o respecto, polo traballo, os compañeiros e os rivais».

Por outra banda, o equipo do Bergantiños no que Figueira militara como xogador foi o último que se proclamara campión de Terceira. Por este motivo e a confianza que depositaron nel, para o agora técnico levantar o trofeo como campións de liga sería cumprir un soño que aínda podería ser maior, pois levan tres cursos xogando a fase de ascenso a Segunda División B e todo indica que volverán a facerse coa chave.

Quen sabe, pode que Figueira cumpra un soño e unha odisea.

A liga como meta. Para Miguel Figueira o ascenso do Bergantiños non é só un proxecto polo que non deixou de traballar duro nos últimos cursos. O técnico tamén loita por cumprir un soño cargado de ilusión, xa que a última vez que foron campións da Terceira División foi con el como xogador.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Miguel Figueira: «Crieime xogando na rúa e na estrada, apartándonos cando pasaban coches»