«En clave de talento este país bota por fóra, sobre todo nas mulleres»

v. COUTO / m. lÓPEZ

CARBALLO

Xurxo, a la izquierda
Xurxo, a la izquierda ANA GARCIA

Xurxo Souto presenta mañá no Casino o seu último libro: «A gran travesía de Chiruca Magallás»

12 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O Casino carballés acolle mañá a presentación do último libro de Xurxo Souto, A gran travesía de Chiruca Macallás. Será a partir das 12 da mañá, e o autor estará acompañado por Rosalía Fernández e Lupe Blanco. Disto falou esta semana aos oíntes de RadioVoz Bergantiños.

-Mañá verémolo por Carballo.

-Pois si, e eu feliz de poder ir mañá a esa institución do talento chamada Casino 1889.

-Non será a primeira parada que faga con esta peza pola Costa da Morte, posto que xa estivo por Malpica.

-Efectivamente. Facer un libro é algo moi fermoso, pero tamén porque che brinda a oportunidade de coñecer xente e lugares. Ademais apareceu por alí a regueifeira das regueifeiras, Lupe Blanco, que botou unha cantarea na presentación e me convidou a vir ata Carballo. E como isto é unha novela de mulleres, ademais de Lupe estará tamén Rosalía Fernández Rial. Teremos outros problemas, pero en clave de talento este país bota por fóra, sobre todo nas mulleres.

-A súa vinculación coa Costa da Morte é de sobra coñecida.

-Cando os Diplomáticos de Monte Alto sacamos o noso primeiro disco, no ano 1992, inmediatamente nos chamaron para tocar nas festas do San Xoán de Carballo. Nós reclamabamos o rock en galego e aí realmente fíxose realidade. Este é o noso territorio emocional, por iso é tan bonito poder volver de novo.

-Tamén tiña unha bonita amizade con Pazos de Merexo.

-Que cousa linda, verdade? Que un artista popular que era todo sabedoría e que botou toda unha vida facendo esas fermosas melodías, e recibiu o recoñecemento que merecía xa de maior.

-Fálenos do libro.

-Pois é unha novela de mar que toma lugar ao norte de Irlanda. O novidoso é que o patrón, neste caso, é unha muller (Chiruca Magallás) que ten ademais é cantante heavy. A literatura tira por diante da vida, porque eu pensaba que non había mulleres patroas, pero resulta que si que as hai, aínda que os terrícolas pensemos que non. O mundo das mulleres do mar é completamente invisible, e por iso quixen homenaxealas con esta novela. Na Ría do Burgo chegaron a traballar mil mulleres, agora hai 30. Esas redeiras, esas mariscadoras... A xente da terra miramos ao mar como unha cousa bucólica, do pasado, pero é o futuro.