«Labarta Pose inspirou unha das personaxes de 'La Casa de la Troya'»

O baiés foi compañeiro do autor da novela durante a súa etapa estudantil en Santiago


Carballo / La Voz

Benigno Amor Barreiro é o presidente da Asociación de Antiguos Tunos de Compostela, a entidade que xestiona o Museo Casa de la Troya, que, inspirado na novela homónima de Alejandro Pérez Lugín, recrea o ambiente estudantil da Compostela de finais do século XIX, e en concreto da afamada pensión que rexentaba Doña Generosa.

Esta entidade fixo 25 anos de actividade en 2018, e como parte do programa conmemorativo lograron gravar un álbum no que recolleron A música no tempo de ‘‘La Casa de la Troya’’, que foi presentado recentemente no Pazo da Cultura carballés.

Teñen implantada, ademais, unha estrutura colaborativa con outras casas museo da comunicade, como a de Eduardo Pondal, a de Rosalía ou a de Curros.

-Na Semana Santa abren de novo as portas do museo ao público.

-Pois si, abriremos dende mañá e ata o día 20 de abril, pechando unicamente o día 15 por descanso do persoal. Poderase visitar de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00. A partir do mes de maio xa abriremos con máis asiduidade: en principio os xoves, venres e sábados, porque queremos animar aos colexios da zona de Santiago -e tamén de áreas limítrofes, como Bergantiños- a que nos visiten. Estamos traballando na elaboración dunhas unidades didácticas para enviar aos centros antes das excursións.

-Con que se atopa unha persoa que nunca puxese un pé no museo?

-Hai dúas maneiras de visitar a Casa da Troia. Unha é para aqueles que leran a novela e queiran coñecer algo máis de como era ese Santiago de finais do século XIX: aquí atoparán o escenario principal do texto. E para quen non lera o libro o museo é un xeito de achegarse a un modo de vida no que non só non existían Internet nin a televisión, senón que nin sequera había auga potable. É moi interesante ver como foi a evolución nestes anos.

-Coma unha viaxe no tempo.

-Efectivamente. As visitas son todas guiadas, dunha duración de 20 minutos aproximadamente, e dende hai dous anos comezamos a facer uns roteiros por Santiago cun guía caracterizado como un dos personaxes da novela, Casimiro Barcala. É curioso, porque aquí hai unha vinculación con Enrique Labarta Pose, que foi amigo de Pérez Lugín, o autor da peza, nos seus tempos de estudante en Compostela.

-Que tipo de vinculación?

-O que ten a novela La Casa de la Troya é que dela saen fíos que te levan a outras persoas. Algunhas son moi coñecidas, como Rosalía de Castro (parente de Lugín) ou Castelao (autor da primeira portada da novela); pero tamén nos leva a outros que foron inxustamente esquecidos, como o propio Labarta Pose. El estudou Dereito xunto ao autor do libro, e del tomou ideas para construír a personaxe de Casimiro Barcala. Isto está documentado, porque o propio Lugín, nun artigo que publicou no ano 1919, falou da súa novela e das persoas nas que se inspirou, mencionando expresamente ao baiés. Di que del tomou os versos e os discursos, xa que Labarta foi un gran declamador, e tamén menciona unha viaxe que fixo coa tuna por Galicia. Mantiveron unha grande amizade, máis aló da etapa estudantil.

-Un detalle biográfico de Labarta Pose que non todos coñecen.

-Pois é unha faceta moi interesante, porque son os seus tempos de estudante aquí en Santiago, onde seguramente coincidiría con Valle-Inclán, e seguramente tamén con outros troyanos, como Manuel Casás, que foi alcalde da Coruña e presidente da RAG; ou tamén con Camilo Bargiela, outro escritor. Penso que aquí, en La Casa de la Troya, aparecen xa trazos propios del, segundo recolle Lugín. Para coñecer ben a Labarta paréceme imprescindible saber da súa etapa como estudante.

-O ano pasado cumpriron o seu primeiro cuarto de século.

-Pois si, e con moito esforzo conseguimos facer un ano un pouquiño especial. Abrimos máis a temporada e logramos chegar aos 3.000 visitantes, o que para nós é unha cifra importante. Tamén seguimos traballando na divulgación da casa: ademais dos roteiros dos que xa falei, tamén estreamos un documental e gravamos un disco no que recuperamos as músicas que aparecen na novela. Isto último fixémolo a través do proxecto do grupo de corda Troyanos de Compostela, e precisamente este foi o espectáculo que trouxemos a Carballo hai unha semana. É unha gran satisfacción poder levalo fóra de Santiago e que máis xente o coñeza por Galicia.

-Que teñen que facer os colexios que queiran facer unha visita ao museo?

-Nós encantados de que se acerquen ata o museo. O que teñen que facer é escribirnos ao noso correo, visitas@casadelatroya.gal, e podemos enviarlles o noso material didáctico e organizarlles unha parada no museo de paso que visitan Santiago.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«Labarta Pose inspirou unha das personaxes de 'La Casa de la Troya'»