«Hai que dar prioridade á mobilidade doce, a dos peóns e os ciclistas»

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

SANTI GARRIDO

Natural de Corme, Alfonso Gómez Cruz é edil na cidade suíza de Xenebra dende 2013 e agora opta ao máximo posto, a alcaldía. Preside o colectivo ciclista

07 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Alfonso Gómez Cruz (Corme, 1960) é o candidato do partido dos Verdes á alcaldía de Xenebra (200.000 habitantes), en Suíza. Ese posto sería case anecdótico en países como España, onde os Verdes son case inexistentes, pero no que vive e traballa é un dos grandes. De feito, é concelleiro na cidade por esta formación dende finais de outubro do 2013, cando entrou no sitio dun compañeiro. No 2015 foi reelixido, co segundo mellor resultado da lista. Agora irá encabezándoa, xunto a unha compañeira, nuns comicios que se celebrarán a principios do ano que vén. Tiña pensado optar a ser deputado federal de Suíza, pero agora centrará os seus esforzos en chegar á alcaldía. Que, en todo caso, non é como en España. O sistema suízo é complicado de entender. O éxito radica en ser un dos cinco escollidos para o comité executivo. Se o logra, será alcalde un dos cinco anos do mandato. Máis ou menos como sucede coa presidencia do país, rotatoria. En todo caso, estaría sempre no máximo órgano de goberno dunha das cidades máis importantes de Europa e dende logo a máis internacional.

-Os Verdes teñen opcións serias?

-Claro! No Concello de Xenebra hai sete partidos. Hai catro anos eramos a quinta forza, pero tras o últimos resultados fomos subindo, e agora somos a terceira. Ademais, para entrar no Parlamento da cidade, un partido ten que lograr máis do 7 % dos votos. Hai que ter en conta tamén que o xogo das alianzas da esquerda é moi importante. Nós vemos factible ter dous concelleiros administrativos.

-Porque vostede xa o é da asemblea municipal. De que temas se ocupa?

-Levo sobre todo tres temas. As finanzas, a organización territorial e as cuestións ecoloxistas: reciclaxe, consumo, plástico...

-Que supón para vostede que os compañeiros o elixiran para a candidatura?

-Persoalmente, unha gran satisfacción. Xa viña facendo moitos traballos na rúa, en proposicións... Todo iso foi recoñecido. Valoraron a miña posición política, de moitos anos de ecoloxismo e de esquerdas.

-Por aí irá o seu traballo.

-Si. Eu, por exemplo, son partidario de municipalizar o solo, de prepararnos de cara ao que nos vai vir nos vindeiros anos, de modificar a estrutura das cidades.

-En Xenebra, ata hai poucos anos, había caos circulatorio. Segue?

-Segue, si. Hai un problema de fondo: nós somos 200.000 habitantes, pero a diario veñen a traballar 950.000. Así que necesitamos organizar esa transhumancia. Aquí, por certo, fálase moito do exemplo de Pontevedra.

-E, en sitios como Carballo, de peonalizar, menos coches, máis lentos...

-Creo que é por aí por onde hai que ir, dando prioridade ao que nós chamamos mobilidade doce, a dos peóns e ciclistas. Por que? Por saúde pública, sanidades. Por menos gases, menos ruído, máis seguridade. Hai que traballar noutra maneira de desprazarse. Aínda queda moito por facer, é certo, pero a concienciación vai a máis, porque os problemas tamén, e así non podemos seguir. Ata agora, case todos os cambios de usos eran voluntarios, agora xa se dan os medios para que sexan habituais, sobre todo favorecendo a circulación de peóns, con prioridade. E, como xa dixen, os ciclistas. En lugares como Copenhague xa se fan así os 45 ou 50 % dos desprazamentos. En cidades suízo-alemás, o 15 %. En Xenebra aínda estamos no 6 %. Hai moito no que mellorar aínda.

-Como está o emprego agora mesmo? Saberá que hai empresas suízas que volven a Galicia a recrutar persoal, e á Costa da Morte en particular.

-Hai emprego, e non o hai. Explícome. Non é o mesmo para todos os sectores da poboación, os maiores de 50 e 55 anos téñeno moi difícil. De feito, esta ten que ser unha das prioridades das Administracións públicas, e eu xa presentei algunha iniciativa sobre este tema. E hai un segundo tema: a profesionalización. Cada vez pídese máis unha cualificación, diplomas para todo. En xeral, en Xenebra, e en Suíza, seguimos cunha taxa de crecemento elevada, continuamos medrando, e iso xenera que se precise xente, por exemplo, na construción, o cal pode explica que se busque a xente.

Presidente da asociación de ciclistas e executivos da de inquilinos

Alfonso Gómez Cruz, con casa familiar no Osmo de Corme, estivo sempre moi vinculado ao movemento asociativo, e segue. Por exemplo, é o presidente da asociación de ciclistas de Xenebra, non só da cidade, senón de todo o cantón. E predica co exemplo: só se despraza en bicicleta normal (non eléctrica) ou a pé. Nada de coche, agás algo excepcional, e en todo caso transporte público. Tamén é membro da directiva da asociación de inquilinos de Xenebra. Os prezos da vivenda son desorbitados, e os veciños, con el entre outros á fronte, loitan polos seus dereitos.

Alfonso, economista, expresidente dos Verdes en Xenebra, traballa como director adxunto no Conservatorio Popular de Música, Danza e Teatro. Foi cooperante internacional e é membro da Liga Suíza de Dereitos Humanos.