«Filomena Dato Muruais está no limbo do esquecemento»

V. Couto, P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCIA

GENTES DEL FINIS TERRAE | A asociación cultural Lisístrata convoca un certame escolar de oratoria que leva o nome da chamada «poeta das Mariñas». Fala Ana Hermida

27 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Nunha terra de regueifeiros como é Bergantiños e nunha terra de bos contadores de historias, como é en xeral toda a Costa da Morte, os rapaces deben estar ben atentos, porque está en marcha un novo concurso escolar, o certame de oratoria Filomena Dato, de ámbito autonómico. Preséntao a asociación cultural Lisístrata, dende a que falou en Radio Voz Ana Hermida. Ela coñece ben a capacidade narrativa dos máis novos destes lares, en tanto que estivo presente na entrega de galardóns dunha das edicións do certame Contos de Nadal, convocado por La Voz.

-Para quen non a coñeza, ¿que fan dende a entidade Lisístrata?

-¡Uf! Unha cousa é o que facemos e outra o que pretendemos [ri]. Somos medio persoas tolas [ironiza]: o que buscamos é fomentar a lingua e a cultura galegas, a nosa historia. E para iso empregamos as artes escénicas: recitais, teatro, contos... O contacto directo. Potenciando en todo iso, ademais, a figura feminina: contar contos de igualdade e violencia de xénero, visibilizar mulleres... Con isto levamos xa anos, e compensa o resultado: vemos con sorpresa o gran descoñecemento que se ten das mulleres ao longo da historia, e aínda non de tan lonxe, senón de agora mesmo. Por exemplo, a de Rosalía de Castro, que todo o mundo parece que a ten moi sabida, cando fago isto con adolescentes..., acaban saíndo rindo: ábreselles unha fiestra, rómpense mitos, danse a coñecer mulleres que polo simple feito de selo non son coñecidas. Filomena Dato, mesmamente, está aí, no limbo do esquecemento, e non acabamos de saber por que. Fomentamos unha conciencia, queremos remover.

-¿Quen era Filomena?

-O seu nome completo é Filomena Ana Dato Muruais. Naceu un 26 de xullo do 1856, en Ourense. Faleceu no 1922 en Moruxo, un 26 de febreiro, o día que aproveitamos para facer a presentación do concurso que leva o seu nome. Chámanlle a poeta das Mariñas porque os últimos anos pasounos en Moruxo, onde faleceu cega. Tivo trato con Sofía Casanova, con Emilia Pardo Bazán, Manuel Murguía, Lamas Carvajal, Vilar Ponte, Curros Enríquez... Estaba metida en todas as tertulias literarias da época, foi académica correspondente da RAG... e, por incrible que pareza, non se coñece como debera. Foi, despois de Rosalía, a segunda escritora que escribiu en galego, ademais de en castelán, e poesía relixiosa. Aí quedou. Hai cousa de dous anos empecei a facer cousas arredor desta muller que tamén ten unha mensaxe feminista: en Moruxo enterrouse, pero os seus restos foron cambiados, e hoxe non se sabe a onde. Filomena Dato foi a persoa que dixo: «Os que negan á muller intelixencia e talento, a mellor contestación quizais que fose o desprezo». Tense editado un libro, pero ou se len ou non... Foi a persoa máis premiada do século XIX a nivel español, e aí está. Era unha grande oradora, de aí que este premio sexa unha forma de visibilizala e de xuntar poesía, idioma, expresividade e feminismo. Como tema, a sororidade, e así tamén investigan que é, facendo extensiva á RAG para que inclúe a palabra no dicionario. Na RAE está dende decembro do pasado 2018. A petición formal está feita.

-¿A que niveis educativos está dirixido este certame?

-Non poño límites, o pedir non ten cancelas. Alguén que controle ben o idioma galego, que o saiba defender, que o trate con respecto. Para primeiro e segundo de primaria hai o apartado de poesía; e para terceiro e cuarto, poesía ou relato, como para quinto e sexto. Primeiro e segundo da ESO poesía ou discurso, e terceiro e cuarto o mesmo [son cinco categorías, pois]. Han de presentar unha gravación que non pase duns cinco minutiños, e tamén o texto. A partir de aí, que nos falen de sororidade, que se expresen, como facía moi ben Filomena. O xurado valorará modulación, expresividade, emprego do idioma galego... Terán como premio unha Filomena conmemorativa, un libro electrónico por cada categoría, lotes de libros e tamén títulos...

-¿Ata cando está aberto o prazo?

-Puxen de prazo ata primeiros de xullo, porque o premio quere coincidir co día 26, o do seu nacemento. Poden remitir todo isto ao correo filomena.dato.muruais@gmail.com. Agardo que se presenten moitos, e sigamos defendendo o idioma. Sementar dende a infancia.