«Témonos que dar conta de que as falcatruadas ímolas pagar»

F. R. / V. C. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Pregón de Jorge Mira
Pregón de Jorge Mira JORGE PARRI

O físico baiés Jorge Mira tamén participou en Ecovoz e contou as súas impresións sobre o futuro do planeta

25 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O físico baiés Jorge Mira quixo tamén participar no programa de medio ambiente de Radio Voz, Ecovoz.

-Como ve o futuro do planeta?

-Vese bastante mal, a cura cada vez é máis difícil. Hai dúas vertentes, por un lado, a contaminación atmosférica e, por outra parte, a contaminación por sólidos, sobre todo o problema dos plásticos que está adquirindo unhas dimensións absolutamente demenciais. Nós temos que darnos conta de que as falcatruadas que fagamos ímolas pagar, vainas a pagar a natureza e nós tamén, imos acabar papando plástico.

-Como cre que imos de concienciación?

-Eu vexo máis concienciados aos maiores que aos novos. Agora hai un movemento xuvenil e paréceme perfecto, pero gustaríame que esa sensibilidade se aplicara tamén, por exemplo, cando van de botellón, recollendo o que están lixando. Paréceme do máis evidente, sinto ser tan augafestas, oxalá este novo movemento que empezou Greta Thunberg faga pensar a xente máis nova.

-Recicla Jorge Mira?

-Si, a min dóeme o corpo cando vexo o campus cheo de lixo, así que cando paso por alí ás veces collo unha das bolsas que hai tiradas no chan e énchoa para levala ao contedor. Se todos fixésemos o mesmo viviriamos nun mundo moito mellor. Peor é aínda se falamos das beiras dos ríos ou do mar.