«Hai moita xente desencantada en Cabana con este goberno»

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ana garcía

A CARREIRA ELECTORAL | Perfecto Vázquez, candidato a alcaldía por Unidos por Cabana: «As miñas desavinzas co alcalde, José Muíño, son políticas, de xestión, non son persoais», di

23 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Ten 56 anos e reside en Borneiro. Levaba dende o 2015 afastado da primeira liña da política local, pero agora Perfecto Vázquez Lema decidiu regresar. Faino como cabeza de lista por Unidos por Cabana, unha formación que preside e coa que pretende restarlle protagonismo ao que foi o seu xefe de filas, o alcalde, José Muíño Domínguez.

-Sempre dixo que era, e é, do Partido Popular. Por que regresa á política cunhas novas siglas?

-Encántame a política, sempre me gustou, non o vou negar, pero volvo porque hai moita xente desencantada en Cabana pola forma en que se fan as a cousas.

-Sempre dixo que marchou no 2015 por desavinzas co rexedor.

-Si, pero desavinzas políticas, que non persoais, porque eu non teño nada en contra de José Muíño no tema persoal. As críticas son pola forma na que leva a xestión municipal.

-Cales son as súas críticas?

-A primeira é ben sinxela. Nunca xamais estando eu de concelleiro un veciño de Cabana tivo que pedir cita para falar co alcalde, e moito menos cun concelleiro. Só faltaría que un veciño ao que representas teña que pedirche día e hora para falar con el dun tema que lle urxe. Agora, ao meu entender, se goberna máis por decreto de alcaldía... Perdéronse as formas.

-Cando fala de xestión municipal, a que se refire?

-Hai unha proposta de plan urbanístico que é un atropelo, e é moi prexudicial para moitos veciños. Aquí falouse durante anos do parque industrial de 800.000 metros cadrados de Nantón, da batata, que fomos dos primeiros en dar o cante con este tema, da mina... E, ao final, nada de nada. E ollo, que eu estiven sempre a favor da mina, pero sempre facendo ben as cousas. Eu sempre digo que a mellor etapa de Cabana para min foi a época de Manolo Barral de alcalde (1995-1999). Ricardo Figueiras, o número dous daquel goberno, foi o grande ideólogo, por moito que queiran negalo, do paseo marítimo de Cabana. Tamén lembro con cariño a etapa con José Muíño entre o 2003 e o 2007. Fixéronse moitas cousas e houbo un bo entendemento entre os que formamos aquel equipo. Pero despois daquilo xa nada foi igual.

-Que Cabana quere Perfecto Vázquez para os vindeiros catro anos?

-Primeiro, que se escoite aos veciños, ir parroquia por parroquia cada seis meses e recoller as súas demandas. Xuntarse con eles, escoitalos. O orzamento é o que é en Cabana, non dá para máis, pero as obras hainas que facer en función do que piden os veciños e non en función do que queira un alcalde ou un concelleiro. Segundo, hai que deixar de converter a Cabana nun concello de vellos, hai que recuperar á xuventude, hai que apoiala, ilusionala, igual que ao pequeno autónomo. Aquí falouse de polígonos, mina, batata, pero ninguén fala do pequeno autónomo, dese que vive, traballa, xera emprego e paga os impostos en Cabana.

-Ten algunha proposta máis?

-Unha das prioridades é o tema dos impostos. Habería que buscar fórmulas para baixalos, sempre que se poida e non afecte ao mantemento dos servizos básicos. Hai veciños que teñen dificultades para poder pagalos.

Os novos aspirantes ás alcaldías