«No Pindo hai fisuras moi profundas que habitaron os primeiros humanos»

Juan Ventura Lado Alvela
j. v. lado REDACCIÓN / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

A VIVA VOZ | O xeólogo e profesor Juan Ramón Vidal Romaní, catedrático emérito da UDC, advirte dos riscos de ter construído ata os bordos litorais

15 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O xeólogo Juan Ramón Vidal Romaní (Tarragona, 1946), catedrático emérito da Universidade da Coruña, analiza as particularidades graníticas do Pindo e mailas consecuencias de construír nuns bordos litorais que, a nivel xeolóxico, estanse desfacendo.

-Cal é a singularidade do Pindo para que vostede o sitúe como unha visita xeolóxica ineludible?

-Porque se ve xusto á beira do mar, porque tes máis de 600 metros na perspectiva vertical de rochas expostas. Iso acontece no Barbanza e no Pindo, e despois xa tés que ir para arriba, para cabo Ortegal. Outra cousa é que, dende cando se formou Galicia por choque de placas, ao tratarse dunha zona exposta ao mar, a erosión afondou moito, varios quilómetros por debaixo, e agora o que vemos son as raíces; o que se formou cando foi o pregue do Courel aquí estamos vendo as raíces do que había debaixo, que xustamente é o Pindo, un dos macizos graníticos para ver iso con maior claridade.

-Que posibilidades de estudo e observación ofrece iso?

-Aínda hai algo máis. Unha vez que se desenterrou iso pola erosión do mar, aquí dáse a particularidade de que hai fisuras moi profundas nas que habitaron os primeiros humanos que houbo en Galicia. Aquilo estaba ocupado hai milleiros de anos. Cando estamos falando de que a xente vivía nas covas de Lugo e Ourense tamén vivía nas covas que hai no monte do Pindo, nas mesmas datas. De maneira que as vivendas prehistóricas máis antigas que se conservan na costa, á beira do mar, son as que aparecen no Pindo. Hai cantidade delas, con ríos subterráneos e iso.

-Que particularidades teñen esas covas para o estudo de formas de vida primitivas do que vostede dirixiu unha tese?

-Estas covas non só foron refuxio para a xente, senón para unha modalidade de vida, que son as bacterias que precisan estar illadas da luz do sol. Aparecen estas colonias de bacterias e suponse que ese sería o primeiro hábitat que houbo na Terra hai millóns de anos, cando no precámbrico comeza a haber vida. Suponse que o modelo sería moi parecido a iso que atopamos nas covas do Pindo, de maneira que podemos estudar como se desenvolve a vida nesas zonas.

-Que aplicación ten iso na exploración espacial?

-A vida fóra, en Marte, non pode existir máis ca se está protexida do Sol, porque como non hai capa de ozono é moito máis prexudicial que aquí. Por iso o modelo no que nós levamos anos traballando baséase nas covas en granito, porque en Marte non hai outras rochas, calizas e iso, pero granito si hai. Entón podemos aproveitar ese modelo de como medra a vida, como progresa, e velo nas covas do Pindo.

-Considera que non se están tendo en conta os perigos de desprendementos nesa zona, particularmente na cascada?

-Precisamente por onde vai a pasarela foi proxectada por enriba de grandes bloques que caeron todos de arriba de todo, porque é o máis profundo do val do Xallas. Cando miras para arriba ves esa grande parede a un lado e a outro da que, de cando en vez e sobre todo cando chove moito, caen bloques. Por iso teño proposto a idea de desviar a pasarela: metela un pouco máis para o río ou protexela, porque xa nos pasou unha vez que caeu unha cascada, pero de pedras, e destruíu a pasarela e podía ter matado xente.

-Existen riscos derivados da invasión construtiva do litoral?

-O problema é que, como o nivel do mar está subindo, está retrocedendo todo o que é a fronte costeira, pero onde retrocede máis rapidamente é nas zonas onde hai praias. E practicamente todas as praias galegas estanse destruíndo dunha maneira acelerada. Entón, se detrás da praia non tes nada, ben. Pero se tes unha urbanización, se tes casas ou un paseo... Por exemplo, no caso de Carnota e Caldebarcos está perfecto, porque todo o que é a vila está moi arredada da beira do mar, pero noutros sitios, por exemplo en Cee, a cidade está feita á beira do mar, ou non digamos en Louro, que están arredor da lagoa todas as casas que fixeron novas. Toda a ría de Muros, Portosín, Porto do Son, Corrubedo... De feito, cando miramos o castro de Baroña pensamos que é un illa. Cando foi construído, o mar estaba a máis de catro quilómetros.