«Cando me dixeron de gardar repouso, preguntei onde se compra paciencia»

V. Couto, J. V. Lado REDACCIÓN / LA VOZ

CARBALLO

JORGE PARRI

ATLETAS DO ATLÁNTICO | A campioa de Correndo pola Costa da Morte, Rocío Alvite, retrasa este ano a súa participación

03 mar 2019 . Actualizado a las 23:54 h.

A mazaricana Rocío Alvite Ferreiro, triunfadora absoluta das últimas edicións de Correndo pola Costa da Morte, non estará esta vez na partida por cuestións médicas, aínda que xa fai cálculos sobre a posible data da súa estrea e, sobre todo, segue moi metida no seu papel de embaixadora de luxo deste circuíto de carreiras e do seu equipo, Mulleres Costa da Morte (MCM).

-Unha lesión teraa apartada un tempo, non é así?

-Máis que unha lesión, digamos que non comecei o ano con bo pé, tiven que pasar xa dúas veces por quirófano. De momento, teño repouso ata finais de marzo, entón xa me vou perder as dúas primeiras carreiras. A partires de aí, comezarei a adestrar practicamente dende cero, porque a última carreira na que participei foi o 31 de decembro, na Carreira do Leite, na San Silvestre para despedir o ano en Mazaricos. A partires de marzo tratarei de retomalo, volver a comezar, e a ver como vai respondendo o corpo. A miña intención sería incorporarme xa para a terceira carreira, que é a de Mazaricos, e así estrearíame na casa o 12 de maio. O obxectivo está posto, veremos como responde o corpo, pero, polas ganas, o 12 de maio estarei en Mazaricos.

-Como está levando isto do repouso?

-Bueno.... Se digo que ben mentiríache, porque eu son unha persoa, a parte de moi competitiva no deporte, bastante nerviosa na miña vida diaria. Non paro de facer cousas. Por iso cando me dixeron o de gardar repouso, preguntei onde se compra unha pouca paciencia, porque non é moi fácil, pero se quero recuperarme ben non me queda máis remedio que tomarmo con calma para despois estar forte. Vou tentar levalo o mellor posible. Non creo que poida competir o que é competir no circuíto, pero a ver como o levo, porque o que si quero é ir ao maior número de carreiras posible. Xa non de maneira independente, senón que imos volver a formar o equipo de Mulleres da Costa da Morte, que é unha das cousas que máis ilusión me fai e que tirou de min para ter ánimo a volver a adestrar. Marquei ese obxectivo, o de ir ás carreiras que poida con elas, competindo como equipo.

-Concorda en que o circuíto marcou un antes e un despois?

-Cada vez somos máis e os que estamos comezado enganchámonos máis, porque o ambiente que se vive no circuíto da Costa da Morte, para min, non se vive en ningunha outra carreira, porque é un circuíto moi familiar, no que todos nos coñecemos. É competitivo, pero todos nos animamos os uns aos outros. É unha competencia san, non existe esa rivalidade mala. Por iso me amola ter que renunciar a outras carreiras ás que habitualmente ía, pero se tivese que renunciar a isto, amolaríame bastante máis.

-Estará de espectadora?

-Por suposto que se podo ir xa a Camariñas ver ás miñas mulleres como digo, por suposto que estarei alí animándoas, tanto a elas como ao resto. Que conste que se pasa mal como espectadora, porque queres estar dentro, pero si que me fai ilusión ver o inicio. Estamos animando á xente, e vemos que si o están facendo, a que comecen. Eu, por exemplo, comecei relativamente tarde, hai xa 10 anos, pero enganchoume e aquí estou. Xente que nunca fixo deporte agora ve que ten esa posibilidade na porta da casa. Por iso eu, e coma min a maioría dos que formamos parte disto, aplaudo esta iniciativa, porque penso que foi moi boa para a xente que estamos na aldea e habitualmente non temos esas posibilidades como hai en Santiago, na Coruña ou en outras cidades.