«A cuna do deporte está no colexio. Aí é onde imos traballar»

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

JORGE PARRI

O edil de Deportes de Camariñas, José Manuel Canosa, revela todas as novidades que traen o Circuíto Correndo pola Costa da Morte e a pedestre do seu Concello

28 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O Circuíto Correndo pola Costa da Morte está a piques de comezar. E trae moitas novidades. A primeira carreira será en Camariñas o domingo, día 10, a partir das 10.00 horas. O concelleiro de Deportes da vila mariñeira, José Manuel Canosa Campaña (Camariñas, 1976), xa conta as horas para o gran día.

-¿Que significa para vostede que haxa unha nova edición do circuíto?

-No cargo que defendo, a promoción do deporte é principal. Entón, que consigas que dende pitufos ata sénior a xente faga actividade física, é importantísimo. Nese sentido, as carreiras son un espello de que o que estás facendo resulta positivo.

-¿Contaban con chegar tan lonxe?

-Realmente, cando empezou o circuíto, foi como unha asociación de varias carreiras pola Costa da Morte. O que nunca pensamos foi chegar a estas cifras de participación. Porque por exemplo, nós pasamos de 300 a 800 atletas. Pero o éxito vai máis alá coa forte unión que se está establecendo entre os concellos organizadores. En resumo, todo é moi gratificante.

-A proba de Camariñas é a que máis corredores reúne. O ano pasado andaron preto dos 900. Para o presente, ¿que expectativas hai?

-O obxectivo sempre é intentar superar a cifra da anterior edición. E senón, pois andar sobre os mesmos números. Agora mesmo, estamos xa por riba dos 400 inscritos, cando realmente o bom das inscricións se dá nos últimos días, o que nos fai pensar que imos contar con similar cantidade de deportistas.

-¿Cando é o último día para anotarse?

-O mércores anterior á proba, o día 6, porque temos que ter unha marxe duns días para encargar e recibir as camisetas.

-A sexta edición do circuíto trae moitos cambios como a carreira nocturna de Cee ou charlas de promoción do circuíto nos colexios da comarca. ¿A que se deben?

-A cuna do deporte está no colexio. Todos somos conscientes diso. E aí é onde imos intentar involucrar ós nenos, levando o deporte ós colexios mediante charlas. O padriño do circuíto, Damián Espasandín, será o encargado de facelo, sempre que teña dispoñibilidade. Nos centros de Camariñas e A Ponte do Porto xa estivo e transmitiulles moita motivación pola súa impresionante traxectoria.

Respecto á pedestre de Cee, vai ser de noite e, seguramente, outros moitos concellos que por temas de organización lles é imposible celebrar as probas os domingos, se acollan a esta idea. Despois, polo tema da data das eleccións xerais, houbo que modificar o calendario da carreira de Vimianzo para o día 31 de marzo porque era inviable por cuestións de organización.

-Aínda así, poden estar moi contentos, pois a participación de nenos no circuíto aumentou moitísimo nos últimos anos.

-Si, de feito para a oitava pedestre de Camariñas xa hai un centenar de inscritos na categoría de pitufos.

-Máis concretamente, ¿na carreira que organiza o seu concello vai haber algunha novidade?

-Mantemos o percorrido polas opinións dos participantes, que nos din que é o mellor do circuíto polas vistas do faro e das praias. E tamén pola chegada, que é das máis animadas ao estar ateigada de público.

-¿De onde parte e cal é a meta?

-Tanto a saída como a meta e a recollida de dorsais son no mesmo lugar, na zona portuaria, ao carón da Casa da Pedra. A proba de 10 quilómetros é un percorrido circular que sae en dirección á zona de Reira, da Pedrosa, bordea a costa, ata chegar de novo ó porto. As carreiras de categorías inferiores desenvólvense pola zona portuaria.

-¿Haberá cambios nas camisetas e nos trofeos?

-A camiseta vai seguir levando o símbolo do 8 de marzo, do Día da Muller Traballadora, como reclamo e manifesto. O que si, mudamos a cor: será morada. Respecto ós trofeos, modificamos o deseño: en vez de ser do entorno do cabo Vilán, será só do faro.