«O éxito estará na calidade do servizo»

O rexedor de Mazaricos e presidente da CMAT, Juan José Blanco Riveiro, cree que a chave do futuro turístico téñena os propios empresarios


cee / la voz

Juan José Blanco Riveiro, con 39 anos, está a punto de rematar o seu primeiro mandato como alcalde de Mazaricos e tamén como presidente de Costa da Morte Asociación Turística (CMAT)

-Acaba de vir vostede de Fitur e do Fairway. Que están demandando as axencias?

-O gran problema das axencias é que non hai receptivos. Por exemplo, a ti chégache un turoperador italiano interesado no Camiño e non atopa unha axencia aquí que lle venda directamente, sen necesidade de ter que estar buscando eles un por un. Din, pois vale, vou mandar unha parella a Mazaricos e teñen un listado de aloxamentos, pero á hora de facer un paquete as axencias internacionais non andan con esas lerias. O que buscan é outra de aquí que xa llo mande todo mascado.

-Conta coa implicación que desexaría por parte do empresariado turístico?

-Os empresarios teñen que se organizar. Non pode haber 30 asociacións, senón un só ente que o xestione todo. Ten que haber cabida para que poidan participar todos, pero dentro dun só representante, porque se non imos a unha reunión con turoperadores e ímoslle 10 persoas, cada unha co seu aloxamento pero co mesmo produto á hora de vendelo.

-Os Concellos responden á hora de impulsar instrumentos colectivos como a CMAT?

-Agora hai implicación total por parte dos concellos. Quitando o caso de Cee, que é un caso puntual, que non quere participar, pero hai moitísimos hostaleiros de Cee dentro de APTCM que si participan. A CMAT está agora nunha liña que ninguén pensa en ir a Fitur cun posto propio, ou abrir estratexias propias sen contar coa CMAT. Eu penso que de cara ao futuro a liña ten que ser esa e que cada vez vaian entrando máis empresarios a través das asociacións de cada Concello.

-Que cabida teñen as novas iniciativas ligadas ao Camiño?

-Eu non son quen para dicir se teñen cabida máis rutas ou non. Entendo que o Camiño é o que é e despois pódeselle dar cabida a todos os produtos que sexan anexos. O que pasa é que vimos dunha época na que non había que promocionarse. O Camiño xa estaba aí, xa existía, pasaban os peregrinos e punto. Agora o empresario está obrigado a unha promoción e a dar un servizo de calidade. Todo o mundo se quere unir ao carro de facer máis camiños, pero o éxito vai estar na calidade do servizo. É algo que se vai facendo co boca a boca e co tempo. Non se fai nun día

-Que se pode ofrecer na Costa da Morte e no Barbanza para prolongar a estadía dos viaxeiros?

-Cada vez as axencias piden máis experiencias. Iso vai en diversificar: na promoción gastronómica, na promoción do patrimonio e en dar esa calidade de servizos. Tamén un bo transporte: taxis, horarios de buses, conexións cos aeroportos... Vai todo conectado. Se se pelexan polas mochilas ou polos propios peregrinos iso desvirtúa o Camiño. Trátase de que o visitante en vez de cinco días queira estar sete.

-Como se está a comportar o turismo no seu concello?

-Aquí foi un salto exponencial. Cuadriplicamos as prazas de aloxamento. Abríronse varios negocios relacionados co Camiño e máis fóra del, como poden ser os apartamentos turísticos que antes non existían, restaurantes que dan produtos específicos para turistas, oferta de aloxamentos rurais a través de Internet. Ten que seguir medrando e irse organizando, reestruturando tamén. Sempre dentro da Costa da Morte, porque o produto de Mazaricos só ten unha oferta limitada.

-Como empresario do sector dende hai xa anos, en que punto cre que estamos? O mercado na zona atópase saturado ou queda marxe de crecemento?

-Hai moitos produtos por descubrir, por crear. O caso do Camiño dos Faros é un exemplo de crear dende a nada. Todo o que é o turismo de natureza e o turismo rural está desaproveitado. Hai catro empresas que fan promoción e outros que venden o seu aloxamento, pero realmente non está explotado como pode estalo en Asturias ou Cantabria. O propio Camiño creou a necesidade de aloxamentos. Agora hai que atraer a esa xente para que quede. Hai moito por inventar.

-Cales son os principais riscos para esta fonte de riqueza?

-O principal risco é a ruptura estrutural entre o propio empresariado. Non podemos ver aos demais empresarios como inimigo ou como a competencia. Estamos todos a vender o mesmo e non podemos entrar nunha guerra de prezos, senón de calidade. O que mellor o faga que leve o cliente.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«O éxito estará na calidade do servizo»