«Todas as nosas historias proceden das vellas»

V. Couto, P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

TRADICIÓN ORAL | Quico Cadaval, Guti e Celso Fernández Sanmartín estrean esta noite en Vimianzo «Tres vellas (polo menos)»

16 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • 21.00 horas • Casa da Cultura de Vimianzo • Entrada: 5 euros (2,5 para pensionistas e estudantes) • Producións Teatrais Excéntricas estreará esta tarde en Vimianzo o espectáculo «Tres vellas (polo menos)». Sobre o escenario estarán Celso Fernández Sanmartín, José Luis Gutiérrez e Quico Cadaval. Este último falou para Radio Voz.

-¿E isto de «polo menos?»

-O que presentamos é un espectáculo de contos, de narración oral. Alí estarán Guti, que é de Zamora; Celso Sanmartín, cun pé en Lalín e outro no Luar; e máis eu. Fomos coincidindo en moitos festivais de narración oral e atopamos unha afinidade importante: todas as nosas historias proceden das vellas. Por iso nos pareceu interesante facer unha sesión de espiritismo e traer todas as vellas que nos contaron historias. Isto é, dalgunha maneira, unha homenaxe a todas esas mulleres que traballaron toda a vida e ás que aínda lles quedaba tempo para contar historias. Ao poñer os contos todos xuntos, ves que son unha verdadeira máquina de entretenemento, antiga, e ademais unha verdadeira enciclopedia. Conservamos desa biblioteca unha pequena porción e cada un de nós ten unha vella preferida [ri], aínda que xa sabe o que pasa nas sesións de espiritismo: convocas un fantasma e logo véñenche outros.

-Tributo á tradición oral.

-Si, pero sobre todo ás mulleres, que eran as que a sustentaban. Eran grandes artistas. As nosas mestras non foron persoas dunha academia de arte dramática, senón as nosas vellas, unha veciña, no meu caso a miña avoa... Logo están as vellas de aldea, coma esas de Celso, que parece que as ten prisioneiras, coma se fosen de granxa [ri], criando para que lle ensinen cantos e contos.

-Atreveríame a dicir que, aínda sendo persoas diferentes, as historias teñen puntos que son comúns.

-Si, claro. ¡Unhas poderían falar coas outras! Dalgún modo estamos contando o final, facendo un spoiler, porque este é un diálogo entre mulleres que non se coñeceron, mais é como se se coñecesen.

-Estrean en Vimianzo. ¿Ensaiaron xa todo?

-¡Pero por quen nos toma! Levamos 20 anos ensaiando [ri]. Os apuros de última hora son os do teatro, pero na narración oral non paramos de ensaiar. Estamos sempre preparados para saír ao palco, o que pasa é que non sempre coinciden as axendas. Non foi nada fácil, pero aí estamos, e que mellor sitio ca Vimianzo.