«O ladrón de voces», novidade literaria de María Canosa e Noemí López

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

A escritora ceense, conta, está «nunha época de recollemento, de involución». Ofrece unhas pinceladas da obra

08 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

«O ladrón de voces» • María Canosa (texto) e Noemí López (ilustracións) • Edicións Embora • A escritora ceense María Canosa está, como ela mesmo di, «nunha época de recollemento, de involución». Está querendo volver sentir as raíces mesmas da escrita, o seu sentido: está querendo parar algo. Ás veces fai falta e o tempo bule: «Non existe a conciliación, existe a re-conciliación. E os avós», di, falando da vida mesma.

É neste contexto no que agora, non obstante, está chegando ás librarías unha nova obra súa, O ladrón de voces. «É un libro para nenos, a xeito de álbum ilustrado, aínda que non o é de todo, porque ten máis texto do que adoita ter unha publicación deste tipo», indica a autora. Fai moito fincapé na importancia do traballo de Noemí López, responsable das ilustracións: «Leva moitos anos ilustrando literatura infantil e xuvenil en galego. É do melloriño que hai», sinala. Non é o seu primeiro man a man, posto que Noemí xa ten presenza tamén noutras obras de María: Xiana, a nena pirata; Druídas ou Ronca o mar.

Máis alá da historia que conta en O ladrón de voces, María Canosa quixo, no fondo, e de xeito sutil, procurar que os nenos tomen conciencia da importancia das palabras, da lingua, de comunicármonos. «Que fariamos nós se non tivésemos lingua?», pregúntase a escritora. Hai un dobre nivel nesta cuestión: a máis literal e a máis transcendental, de aí tamén a mensaxe xa non só para os máis novos: hai lingua e hai idioma.

Non leva a conta exacta dos libros que teñen saído do seu maxín dende que comezou a publicar, pero este debe ser o número 37: máis de 35, seguro. O ladrón de voces chega ás librarías da man de Edicións Embora, unha casa con moita querenza por autores e temas desta comarca, a Costa da Morte. «Son de Ferrolterra, pero algo debemos de ter por aquí...», ría onte María.