O instituto Maximino Romero, un «almeiro para a esperanza»

PROXECTO «AO SON DO RURAL» | O instituto baiés alenta á rebeldía contra o abandono das aldeas


Carballo / La Voz

No instituto Maximino Romero de Lema de Baio declaráronse onte en rebeldía contra o abandono das aldeas cun proxecto de amplo alcance alentado por Natalia Lema Otero, elocuente defensora do rural, o literato Manuel Rivas e o polifacético Xurxo Souto.

Arrincou o encontro cunha loada mostra de muiñeiras a cargo de grupos de Terra de Soneira. Moi agradecida polo público. A continuación, os alumnos de imaxe e son e mais os de artes escénicas amosaron as grandes liñas do proxecto Ao son do rural: exaltación deste ámbito con mostra de fotos antigas; revalorización do patrimonio material e inmaterial, incluídas recollidas de léxico e regueifas; a posta en valor de tres muíños da ribeira próxima ao instituto; un proxecto teatral coa preparación da obra Taberna sen dono de Varela Buxán, así como obradoiros de ocio con foliadas, improvisación oral, entre outras. Para a recuperación dos muíños pretenden contar coa colaboración do Concello de Zas e das entidades veciñais. Nestas vellas industrias rurais esperan crear aulas abertas. Na lista de iniciativas inclúense tamén a implantación de códigos QR e difusión de lendas.

É unha especie de soño que pouco a pouco tratan de levar á realidade. Hai que recuperar as utopías, veu dicir o escritor Manuel Rivas no acto que desenvolveron a continuación no instituto. No encontro literario, os tres protagonistas, Natalia Lema, Manuel Rivas e Xurxo Souto, chamaron a rebelarse contra o abandono e a desvalorización do rural. E eludir o dano que fai o «cosmopaletismo». Natalia Lema emocionou aos presentes contando como no seu primeiro libro Baos quixo contar o éxodo provocado polo embalse de Fervenza. Unha obra de homenaxe aos seus avós, que viron a súa vida transformada á forza en aras dun progreso que nunca chegou. Así que lles quixo devolver a súa dignidade. Rebélase Lema Otero contra a obriga de abandonar o rural seguindo estereotipos errados. «Ninguén nos pode marcar os nosos pasos», proclamou. Así que é mellor replantexar «o mundo no que queremos vivir».

Chamou Rivas á «descolonización da imaxinación» e á «relocalización fronte á falsa globalización». Loou a iniciativa do instituto, ao que cualificou como «un almeiro, un lugar para a esperanza. Levamos unha boa dose de esperanza», manifestou.

Xurxo Souto, que lle deu pulos ao encontro co seu corno mariñeiro e facendo cantar ao público coplas esquecidas, é partidario do termo aldea. Chamou a rexeitar a «cousificación» e defender a natureza humanizada. «O mar non se pode deslocalizar», pronunciou en Baio. A xornada de autoafirmación aldeá rematou cun xantar organizado polos alumnos de cuarto de ESO.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Tags
Comentarios

O instituto Maximino Romero, un «almeiro para a esperanza»