Bautista Vega: «A empresa debe presentar un plan concreto e tanxible»

F. Rodríguez / T. Longueira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

«O único que se nos está a dicir é que non se manterán os postos de traballo que hai na actualidade», di o presidente do comité de Meirama, Bautista Vega

26 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A central térmica de Meirama púxose en marcha en decembro de 1980. Unha época convulsa no económico, en plena transición política e coas feridas aínda sen pechar das revoltas veciñais das Encrobas. Por aquel entón, o plantel integrábano 230 traballadores. Bautista Vega Tato (1959, Carballeda de Valdeorras) entrou na central en marzo de 1981 e é o presidente do comité (CIG) de empresa. Xunto con outros compañeiros pecháronse estes días no Concello de Ordes para esixir a Naturgy un plan que garanta o futuro da planta para máis aló de xuño de 2020, cando deixará de funcionar como central térmica que emprega carbón de importación.

-¿A que obedece o peche dos traballadores no consistorio de Ordes?

-Por un lado, seguimos pensando que a central térmica é viable se fan o investimento e por iso non estamos de acordo coa decisión adoptada por Naturgy. E polo outro, o que se nos está a dicir é que non se manterían os postos de traballo que hai na actualidade.

-¿Que reclaman exactamente dende o comité de empresa?

-Se a empresa non quere levar a cabo o investimento para o mantemento da planta de carbón, que invistan noutras enerxías que permitan manter tanto a produción en Meirama como os postos de traballo.

-¿Por onde pasaría esta reconversión por así chamala?

-Queremos que se nos plantexe un plan concreto, que nos digan que van facer isto, que conlevaría tantos postos de traballo, non sei se o 100?%, pero o importante é que presenten un plan produtivo.

-¿Presentáronlles xa algún proxecto ao respecto dende a empresa?

-O que nós coñecemos ata o de agora, non mantén nada. O que se nos dixo foi que hai un estudo de biogás e a decisión de instalar uns eólicos. E como todos sabemos é que unha vez instalados os eólicos, non se precisa de moito mantemento e, polo tanto, tampouco se xera emprego. Polo tanto, o eólico non é o que nós demandamos, senón que o que pedimos é un investimento de maior calado, que faga que o centro siga funcionando. De aí a necesidade de que os sindicatos, traballadores e partidos políticos tratemos de negociar co Ministerio de Medio Ambiente algo distinto ao que hai actualmente. Unha transición enerxética para que ningunha comarca se vexa afectada por esta decisión de peche. O que ten que facer a empresa é presentar un plan concreto de viabilidade para a planta, moi definido en canto a emprego, e algo tanxible e que poidamos comprobar.

-O peche suporá a perda de moitos postos de traballo, non só os 77 directos.

-As nosas reivindicacións non van encamiñadas só ao mantemento dos postos fixos da planta, senón tamén dos que se xeran de forma indirecta. É unha reivindicación para todos e pensando en todos. Hai xente que leva dende o minuto un traballando no centro de Meirama. O do restaurante, por exemplo, leva dándonos de comer a todos na central dende hai 40 anos e agora vai quedar sen traballo. As nosas reclamacións son as dun investimento que garante os postos directos como os das industrias auxiliares.

-¿Cantos postos son en total os afectados?

-Uns 150 de forma habitual.

-No seu día pecháronse no concello de Cerceda. Agora escollen Ordes. ¿Por que?

-É que o peche non afecta só Cerceda, afecta tamén a toda a bisbarra de Ordes e tamén, incluso, á Coruña. O negocio do porto caerá un dez por cento co peche da térmica. Pero os concellos máis afectados serán, sen dúbida, os de Cerceda, Ordes e Carral.

-¿Seguirán coas mobilizacións?

-Si, porque cremos na viabilidade do centro de traballo e porque hai moitos postos de traballo en perigo.