IN MEMORIAM | Un adeus para Isabel

CARBALLO

J. M. CASAL

Xeracións e xeracións de soneiráns e bergantiñáns pasaron polo seu bar nos días da feira e do feirón

18 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Un lamentable accidente doméstico acabou de forma inesperada coa vida de Isabel Pastoriza Souto. Ocorreu nada máis comezar o ano. Foi unha tráxica sorpresa para a familia e os veciños de Baio. Isabel rexentou durante decenios o bar que levaba o seu nome e que presidía o centro da curva da ponte centenaria de Baio. Era, en realidade, o bar das feiras. No piso superior houbera unha sala de baile e, despois, Amando Monroy, cuberto de mantas no inverno, cobraba a cota da Seguridade Social Agraria a un bo número de labregos de Vimianzo.

Xeracións e xeracións de soneiráns e bergantiñáns pasaron polo seu bar nos días da feira e do feirón. Ás veces, era imposible oír nada polo ruído que había alí dentro. Un lugar emblemático no que se teñen pechado moitos negocios e nos que se celebraba dende a venda dun xato ou dunha porca de cría ata operacións de gran calado para as modestas economías de moitas facendas agrícolas. Nese local reuníanse familias enteiras, que se citaban na feira para falar dos máis diversos asuntos, reencontrarse ou agasallarse mutuamente con bens comprados no mercado. O bar de Isabel era un punto de encontro. Da súa actividade eran testemuñas e axudantes os seus fillos, Moncho e Margarita, e o seu esposo, Manuel Suárez, que afronta agora a pena de perda da compañeira. Adoitaban camiñar polas mañás acompañados de amigos e ela sempre saudaba alegre.