«Nunca tan de moda estivo falar galego como con "Mareas Vivas"»

V. Couto / M. López CARBALLO / LA VOZ

O TEMPO. MAREAS

BASILIO BELLO

VINTE ANOS DA MÍTICA SERIE GALEGA | «Como un proxecto tan noso, tan comprometido, non ía pegar así de forte?», reflexiona a actriz Isabel Blanco

25 oct 2021 . Actualizado a las 22:35 h.

Pregoeira da Festa do Percebe na súa última edición, Boa e Xenerosa no 2016... A vinculación da actriz Isabel Blanco (Berna, 1974) coa Costa da Morte é máis que palpable, e tamén pola súa inesquecible María de Mareas Vivas. Fanse estes días vinte anos da primeira emisión dunha serie que é xa un referente do audiovisual galego e que converteu a vila de Laxe no pintoresco Portozás, un lugarque serviu de escenario a ducias de historias próximas e moi identificables por parte de calquera galego. Segredo, di a actriz, do éxito indiscutible desta produción televisiva.

-Vinte anos pasaron xa desa primeira emisión. Non se pode negar que «Mareas vivas» xa é un referente da televisión galega.

-Marcoume moito, e estou moi agradecida de formar parte desa gran familia que fixemos Mareas Vivas no seu momento, tanto os que estabamos diante como detrás das cámaras. A estela de Mareas é moi alongada, e por moitos motivos quedou marcada como unha das series de referencia, sobre todo polo sentimental. Foi a primeira vez que se botou abaixo a pantalla da televisión para unir os que estaban dun lado e os do outro: todos nos sentiamos como parte da familia. Nunca tal cousa se fixera: unha produción de tanta identificación e de tanto compromiso coa nosa idiosincrasia e coa nosa fala. Nunca tan de moda estivo falar galego como daquela.

A título persoal, e tendo todas as miñas raíces aí, en Bergantiños, nesa xente do meu querer, é difícil non emocionarse.

J.M. CASAL

-Foi un punto de inflexión para vostede?

-Eu non sabería dicir se creo no destino, pero si que é certo que ás veces hai como un guión invisible que parece que vai enfiando todo na nosa vida. Eu era tradutora de películas e, de repente, un día dixéronme que buscaban xente cun bo nivel de galego para traballar en televisión. A escaso ano e medio xurdiume este casting, que sería o meu pasaporte. Era un mundo descoñecido para min, un salto ao baleiro no que un tiña que ir con pés de chumbo. Traballar con compañeiros dese talle humano, e con tanta experiencia na interpretación... Había moitos motivos polos que estar moi nerviosa, unha filla de emigrantes, como era eu naquel momento. Neses casos había que ser xeneroso cos que nos tendían a man, como o marabilloso Luís Tosar, ou o resto de compañeiros, que estaban moi forxados no teatro.

-Aínda manterán o contacto.

-As series son moito de convivencia, porque se pasan moitas horas cos compañeiros, aínda que creo que con Mareas Vivas traspasouse iso. Eramos xente que acababamos de comezar nisto e que nos agarramos forte a esa ilusión, para entre todos sumar velocidade deica unha emoción compartida. Selou unhas relacións que se foron mantendo ao longo do tempo. Non podo dicir que sinta só como «compañeiros» a xente como Sonia Castelo, Miguel de Lira, Carlos Blanco, a nosa Mela Casal, Luís Tosar ou Ana Santos, que tiña esa fala tan morna para min. Santi Romay, por Deus! Ese neno que, como quen di, se formou en Mareas Vivas, e mira que carreira tan bonita fixo! Cando nos xuntamos polos 15 anos, en Laxe, foi realmente máxico.

-De que xeito cambiou Isabel Blanco nestes vinte anos?

-Cambioume o mirar, pero eu sigo sendo a mesma. Dou grazas por conservar esa inxenuidade que aínda teño, neste mundo no que, aínda que pareza que está todo inventado, aínda queda moito por facer. Agora, que me afastei algo da interpretación, son produtora e teño o programa Pasaporte galego, no que tamén contamos historias moi nosas. Precisamente estiven hai pouco en Laxe con Luís Tosar gravando un episodio especial. Mirar a uns ollos como os de Luís e ver que o esencial non mudou é marabilloso.