«Temos dereito a que ninguén nos quite a vida, pero non temos a obriga de vivir»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

CARBALLO

MARCOS MÍGUEZ

Ascensión Cambrón, presidenta de Dereito a Morrer Dignamente Galicia, insiste na necesidade de regular a eutanasia e aposta por copiar as leis que existen en Bélxica ou Holanda

13 ene 2019 . Actualizado a las 19:51 h.

Docente da Universidade da Coruña e doutora en Filosofía, Ascensión Cambrón leva anos analizando as normas xurídicas que regulan as intervencións sobre a vida humana. Tamén ten reflexionado moito sobre a eutanasia e mesmo visitou a Ramón Sampedro para mergullarse nos seus pensamentos. No ano 2015 entrou a formar parte de Dereito a Morrer Dignamente Galicia e en maio do 2018 foi elixida presidenta. Abertamente denuncia que, máis de dúas décadas despois da morte do tetrapléxico de Porto do Son, aínda non se tivera regulado a eutanasia e amosa as súas discrepancias co proxecto de lei presentado polo PSOE.

-¿Que a levou a visitar a Ramón Sampedro?

-Despois de ter seguido declaracións súas nos medios de comunicación, interesábame coñecer se a súa vontade de morrer era clara e explícita. Fun a Xuño atraída polo seu caso, pola súa situación de sufrimento absoluto.

-¿Que atopou alí?

-Atopei a unha persoa completamente lúcida, que non é que quixera morrer, senón que non quería vivir naquel estado de dependencia e indignidade. Explicábame que ata tivera que perder o sentido do pudor. Eu non entendía como os teólogos e os médicos que o visitaban lle dicían que se quería morrer tiña que deixar de comer, engadindo unha gran crueldade a aquela tráxica situación.

-Agora que transcorreron 21 anos do seu falecemento, ¿que destacaría da loita que encarnou?

-Eu destacaría a incompetencia dos políticos que nos gobernaban e dos que nos seguen gobernando. Existindo unha demanda social destas persoas que piden que se lles axude a morrer, non entendo que se manteña o artigo do Código Penal que penaliza a eses cómplices. Por outra banda, se non temos a obriga de vivir, como poden impedir que unha persoa adulta e capaz sexa libre para decidir sobre o cumprimento do seu desexo.

-¿Cal destacaría como a acción máis valente na loita do sonense?

-Destacaría que, a pesar da súa debilidade física, tiña moita fortaleza moral para seguir loitando con sentenzas en contra. El rematou todo o tránsito, desde a petición a un xulgado de Barcelona que foi denegada porque non residía alí, para logo reiniciar trámites en Galicia. As súas reclamacións sempre foron denegadas apelando motivos formais, conclusións para min erróneas. ¿Por que non se lle daba a razón aínda que despois se concluíra que faltaba regular o tema da eutanasia? Temos dereito a que ninguén nos quite a vida, pero non temos a obriga de vivir.

-¿Foi o final que elixiu o mellor que puido ter?

-Non, porque tivo que morrer só. É a mesma situación que se segue a dar cos doentes de ELA, antes de que perdan a capacidade para inxerir o fármaco, a súa familia ten que abandonar a vivenda para non seren acusados de cómplices.

-Pero, ¿en canto á forma elixida para morrer?

-A forma elixida para morrer asígnalle a Sampedro un toque de heroicidade. Morreu dándonos unha lección do que non podemos seguir tolerando nunha sociedade democrática.

-Sen embargo, pouco cambiou a situación desde entón...

-Teño que recoñecer que algo si que cambiou, pois Galicia e outras dez comunidades máis teñen leis de morte digna que regulan o final da vida e atribúenlle aos pacientes a posibilidade de rexeitar o tratamento terapéutico extraordinario. Pero a normativa vixente, para resolver un caso similar ao de Ramón Sampedro, non serve.

-Dá a sensación entón de que serviu de pouco a súa loita...

-Valeu, si, porque estendeu a conciencia entre a sociedade e entre parte do persoal sanitario. Na última sondaxe feita por Metroscopia no 2017 conclúese que o 84 % dos enquisados están a favor da legalización da eutanasia. O sorprendente é que os nosos políticos non se teñan feito eco do que xa é un clamor popular.

-¿Cal é nestes intres o reto de DMD Galicia?

-A eutanasia segue a ser o obxectivo prioritario. Mentres, imos explicando as posibilidades que ofrece a Lei de Morte Digna do 2015, que permitiu que descansara a nena Andrea, cando algúns médicos se obstinaban en seguir manténdoa con vida e con alimentación asistida.

-¿Pensa que está cerca esa ansiada regulación da eutanasia?

-Pois o certo é que vexo o tema regular. Analizado o contido da proposta lexislativa formulada polo PSOE podo concluír que está cargada de paternalismo. Din que é para regular o dereito individual á eutanasia e o suicidio asistido, pero no texto déixase a decisión en mans do equipo médico. Figura que sexa unha comisión de control e avaliación autonómica a que se encargue de analizar a petición. Alégrome de que se estea a discutir este tema, pero gustaríame ver unha lei na que se lle dera prioridade á vontade do paciente unha vez comprobado que non está sometido a coaccións.

-¿Como tería que ser esa normativa para satisfacer a petición de Ramón Sampedro?

-Ten que ser un texto claro. Tendo en conta que xa hai países europeos nos que este tema está regulado, como é o caso de Holanda, Bélxica e Luxemburgo, sen que se teñan detectado erros na aplicación, o que habería que facer é copiar esas normativas e adaptalas á nosa tradición xurídica. Sería así de doado.

-¿A que atribúe estes freos que constantemente se lle poñen á regulación da eutanasia?

-Coido que o primeiro temor que parece que teñen os propoñentes da norma é o de asustar aos médicos, que se amosan en contra da eutanasia apelando ao xuramento hipocrático. Ademais, aínda que a lei se aprobara, non creo que se puidera aplicar en Galicia, teríamos que ir morrer ao País Vasco ou a Cataluña, pois o texto recolle que a configuración da autorización ten que proceder dun organismo creado por cada comunidade.