Unha Noiteboa marabillosa

Gaizka Lago Elorza

CARBALLO

Terceiro premio dos Contos de Nadal 2018 | Gaizka Lago Elorza, do colexio Manuela Rial Mouzo (Cee)

15 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Brais vivía nunha casiña de pedra, ás aforas dunha vila mariñeira da Costa da Morte. Cando eran as sete da tarde, a noite xa chegara había un anaco, e tras as ventás podíanse escoitar os sopridos do vento e ver a choiva caer.

Como todas as tardes de inverno a nai e máis a avoa de Brais sentábanse arredor da lareira e pedíanlle á Virxe do Carme que protexese ao pai do rapaz, pois era mariñeiro e traballaba nun barco no Gran Sol. Brais xa estaba acostumado ás ausencias do seu pai, porque pasaba meses en alta mar sen vir á terra. Nestas datas próximas ao Nadal, o neno non podía evitar que o seu pensamento voase fóra da casa e chegara ata o barco no que se encontraba o pai. Como lle gustaría que papá fose como o boticario, que sempre estaba na casa! Ou coma o señor Manolo, que tiña un taller onde o mesmo arranxaba un arado que amañaba a roda pinchada dunha bicicleta!

Unha bici! Ese era o seu maior desexo ano tras ano, pero a súa nai nunca daba co enderezo do Papá Noel encargado de traer as bicicletas e o neno procuraba entusiasmarse coa roupa que lle deixaban nun paquetiño baixo a árbore. Cando chegaba o día de Nadal e abría o paquete podía observar na cara da súa nai unha mirada triste que con voz chorosa lle dicía: «Brais, perdoa, este ano tampouco dei co enderezo». O rapaz notaba tanta tristura na voz da súa nai que enseguida lle respondía: «Non importa mamá, este pantalón faime máis falta que calquera xoguete». Cando chegaron as nove da noite, Brais e a súa avoa prenderon as candeas que tiñan decorando o portal de Belén e sentáronse á mesa. Outro ano máis celebraría a Noiteboa sen Miro, que así era como se chamaba o pai do neno.

Cando empezaron a cear escoitouse un forte ruído fóra e Brais levantouse un pouco asustado e dirixiuse cara á porta, o rapaz tiña que facerse o valente como lle dicía o seu pai cada vez que marchaba: «Brais, agora quedas ti coma o home da casa, coida de mamá e da avoa!». Cando abriu a porta viu unha bicicleta enorme, desas que teñen un montón de marchas. Deu un salto e agarrouse ao pescozo do seu pai e encheuno de bicos. Despois, o pai díxolle: «Este ano mamá atopou o enderezo de Papá Noel e deixou isto na azotea para ti!».

Brais celebrou unha Noiteboa marabillosa por dous motivos moi especiais: por un lado, o seu pai volvera do mar, e por outro, tería a bicicleta que levaba anos esperando.