O itinerario vital de Pondal ten guía

Xosé Ameixeiras
A. Lavandeira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

O Consello da Cultura Galega presentou a ruta no aniversario da Fundación

13 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O Consello da Cultura Galega, na persoa da súa presidenta, Rosario Álvarez Blanco, amosou onte o seu apoio ás actividades da Fundación Eduardo Pondal nun acto conmemorativo do décimo aniversario da entidade pontecesá. E non podía facelo de mellor xeito que presentando o avance do Roteiro Pondaliano, que correu a cargo do membro do Consello e profesor universitario Manuel Gago. Unha guía virtual que en breve estará a dispor do público e que permitirá percorrer os itinerarios vitais do autor do himno galego.

Expresou Gago que esta ferramenta ten en conta «o territorio como xeito de comprender a un autor» e, ao mesmo tempo, «o autor como xeito de comprender un territorio». O propio Consello da Cultura Galega xa leva traballado neste eido con outros autores galegos, pero con especial trato aos do Rexurdimento. Unha das liñas estratéxicas é dar a coñecer os lugares que inspiraron as composicións poéticas de Pondal. O percorrido está pensado para facer entre 36 e 48 horas, en automóbil. Son 140 quilómetros e inclúe 27 localidades. «O obxectivo é que o roteiro sexa como unha historia comprensible», dixo Manuel Gago diante dunhas vinte persoas que acudiron ao acto. Entre os presentes había moitos profesionais do ensino e persoas que traballan no mundo da cultura na bisbarra.

A infancia do autor, as paisaxes do seu universo creativo e a relación que mantivo cos autores do Rexurdimento e o galeguismo son outros aspectos que se traballan na guía, que se completa con enlaces aos poemas propios de cada espazo.

Rosario Álvarez cre que o mapa virtual. pode completarse con outros instrumentos

A presidenta do Consello da Cultura Galega fixo un repaso á histórica colaboración da entidade que ela dirixe coa Fundación Pondal. Rosario Álvarez comentou que o Roteiro Pondaliano é un novo paso nesta relación. Así, indicou que a guía que se presentou onte forma parte dun proxecto co que pretenden «cubrir Galicia» enteira. A idea é levar a cabo un plan con grandes autores e chegar a toda a comunidade autónoma e que non se limite en exclusiva ao «eixo atlántico».

Vai dirixida fundamentalmente á poboación galega, para que coñeza os seus autores e o seu territorio. Aposta, ao mesmo tempo, por completar e enriquecer estes proxectos coas achegas que fagan colectivos o agrupacións como a propia Fundación Pondal, na que se falou de incorporar o seu vídeo divulgativo sobre o poeta pontecesán ao Roteiro presentado onte. Desde xeito, «estableceranse canles de colaboración», dixo Rosario Álvarez.

A sesión de Cova Céltica celebrada onte co gallo do décimo aniversario da Fundación completouse cunha moi longa e interesante conferencia sobre o proxecto Toponimízate, impartida por Vicente Feijoo, responsable de Onomástica e Toponimia da Real Academia Galega. Este instrumento suporá un gran salto para o coñecemento, conservación e o estudo dos nomes de lugar galegos.