Chamádeme analfabeta

Natalia Lema Otero

CARBALLO

13 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

En España hai máis de 300.000 persoas de máis de 60 anos que nin saben ler nin escribir. Acórdome que hai un tempo, nunha conferencia sobre perda demográfica á que asistín, ao público pareceulle inverosímil que aínda quedasen persoas sen acceso a un dos praceres máximos da vida, a lectura. Se me poño na súa pel, vexo o mundo dunha cor diferente.

Detrás destas persoas, hai unha historia marcada polos tempos que lles tocou vivir. Homes e mulleres que seguramente non tiveron acceso á escola por mor do traballo da casa e por seren moitos irmáns aos que mandar á escola. Foron nenos que naceron en momentos convulsos, onde a educación non era unha prioridade. Aínda así, avanzamos moito. Hai pouco máis de cen anos a realidade era moito máis negativa, cantas casas de labranza, aldeas incluso, onde o único que era letrado era o cura. Quedan para o patrimonio común os centos de documentos que se asinaban co dedo polgar pola meirande parte dos cidadáns.

Gustaríame que se erradicase esa acepción tan pexorativa do analfabetismo. Primeiro porque é preciso que se vele por un dereito humano fundamental e segundo porque moitas veces óptase polo desprezo ante as realidades que non coñecemos, algo que non lle favorece nada á autoestima deste colectivo. Se nalgún momento, alguén che pide que lle leas algo porque non sabe ler, non xulgues, nin lle chames analfabeto.

Chamádeme a min analfabeta, que non vivín tantos momentos que conforman a idiosincrasia dun país, que non vivín unha ditadura con todas as súas consecuencias e represalias, unha transición política e unha democracia. Chamádeme analfabeta a min, que xamais tiven que pasar pola dor que supón sacrificar tanto nesta vida.