Foi máis ca un amigo. A súa compañeira de batallas, Gladis, foi como a irmá que nunca tivo. Adoptou aos fillos dos amigos como sobriños postizos e foi, sen dúbida, o meu maior apoio emocional. Sen el, a maioría das cousas que fixen, fixemos, ou fago, non serían o mesmo.
Engancheime na sobremesa ao vermú vermello con olivas pola súa condición de marqués: gustáballe vivir ben, e sabía presumir como ninguén das cousas que conseguía co seu esforzo. Nunca deixou de fumar, encantáballe. Foi a súa perdición, ata que un ictus o devorou.
Soa a canción de Jeanette ¿Por qué te vas? -que lle encantaba- para despedir a un home que viviu e gozou, aínda que o seu pasado lle pesaba na alma.
Así que, don Juan Darriba. Grazas por terte coñecido, e por ter compartido nove anos da túa vida comigo.