O concurso Contos de Nadal de La Voz bate récord de textos presentados

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

Desde 14 colexios da Costa da Morte fixéronse chegar 253 creacións literarias

08 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A creatividade literaria dos máis novos medra vizosa e proba diso é o récord de textos presentados este ano ao concurso Contos de Nadal, organizada por La Voz de Galicia e Radio Voz co patrimonio de EDP Renewables a través da Fundación EDP. Dende catorce centros educativos da Costa da Morte fixéronse chegar á delegación do xornal en Carballo un total de 253 creacións, cifra que supera os 238 do ano 2016, que era o que ostentaba o récord ata o de agora. Recibidos todos estes textos e unha vez lidos e valorados polo xurado -integrado polo avogado e divulgador José Antonio Andrade e Xosé Ameixeiras, Verónica Couto e Patricia Blanco-, será mañá mesmo cando se coñezan os gañadores.

De entre os 253 contos serán seleccionados dez: todos eles recibirán diplomas e, os tres mellores puntuados, levarán o primeiro, segundo e terceiro premio. A entrega de galardóns será o sábado 15 de decembro, no Centro Arqueolóxico do dolmen de Dombate.

Os centros

Participan este ano os colexios Canosa-Rus (Carballo), Manuela Rial Mouzo (Cee), A Cristina (Carballo), Fogar (Carballo), Bormoio-A Agualada (Coristanco), Xesús San Luís Romero (Carballo), Praia de Quenxe (Corcubión), A Gándara-Sofán (Carballo), Alcalde Xosé Pichel (Coristanco), Labarta Pose (Baio), Santa Eulalia (Dumbría), As Revoltas (Cabana), Vilarmide (Muxía) e Mar de Fóra (Fisterra).

Con estes catorce centros educativos, Contos de Nadal chega este ano á súa 15.ª edición. É un certame xa consolidado e ao que dende hai uns anos a esta parte lle saíu un irmán menor, o certame Contos de Primavera, para alumnado de secundaria. O concurso de inverno está dirixido a escolares de segundo ciclo de primaria -terceiro e cuarto- e trata de alimentar a súa creatividade e de pulsar o talento literario dos máis novos. Entre os textos presentados, moito Nadal, pero tamén moita presenza de lugares e espazos da Costa da Morte.

Queda agora agardar pola resolución, e tamén pola entrega de premios, un acto previsto para as 12.00 horas do sábado 15 e que acompañarán Yago Espasandín, Tamara Canosa e Eloy Mato.

Mañá coñeceranse os gañadores e a entrega de premios será o sábado 15, no dolmen de Dombate