Árbores temáticas


No concello de O Grove acaban de inaugurar unha árbore de Nadal chea de centolas. A min paréceme moi ben. A idea debera estenderse por todo o país. Eu instalaría outra en Lalín na que as follas do piñeiro fosen porquiños pendurando.

En Ribadavia metería unha parra xigante con acios de plástico que tiveran bagos iluminados con leds, e en Santa Comba comporía un abeto a partir de vacas frisonas ás que, ademais, lle poderiamos incorporar o moi pertinente navideño cencerro. En Vila de Cruces chantaría unha árbore a partir de plumas de galo. E por que non instalar unha gran árbore de Nadal de carneiros espetados en Moraña?

E en Aguiño eu apostaría, malia o risco de conflito con Lira ou con Bueu, por unha enorme árbore de Nadal composta por centos de tentáculos de polbo. Podemos aproveitar ademais os cambios de pigmentación da pel do cefalópodo para crear un auténtico espectáculo. Non sei que tipo de impacto emocional provocaría entre os máis cativos, pero de seguro que atraería a centos de fanáticos de H.P. Lovecraft chegados de todo o planeta.

Se se trata de promocionarnos turisticamente e abrir mercados, temos por onde tirar. Que dicir da intelixente estratexia de Vigo, conseguindo atraer co seu dispendio lumínico a todos os incrédulos do cambio climático do mundo (que ademais teñen alto poder adquisitivo).

Na exaltación do local ás veces a fronteira entre a promoción e a caricatura é bastante borrosa. Recomendo un truco: trasladen a súa gran idea a calquera outro lugar, como acabo eu de facer.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Árbores temáticas